"Pasado un ano dende a súa publicación, non se está a aplicar en beneficio das carteiras e carteiros do rural", lamenta o Bloque
Ecos da Comarca/Xeral
O BNG informa que o goberno estatal vén de responder a unhas preguntas formuladas en maio deste ano polo deputado nacionalista, Néstor Rego, respecto ao retraso na aplicación da suba da indemnización a 0,26 €/km percorrido polo uso de vehículo propio aos carteiros e carteiras do rural.
Cabe recordar que o novo importe da indemnización fora publicada no BOE do 17 de xullo de 2023. "Pasado un ano dende a súa publicación, non se está a aplicar en beneficio das carteiras e carteiros do rural que están asumindo os custes do encarecemento do prezo do combustible e dos gastos de mantemento dos vehículos particulares, que tamén se encareceron. A maiores soportan un aumento da carga de traballo por falta de cobertura de vacacións, baixas e supresión de prazas estruturais que redunda nunha precariedade do servizo, un dos poucos que nos queda no rural", sinala o BNG.
Publicidade
En concreto o deputado nacionalista preguntaba cales eran as razóns polas que Correos non actualizou os importes da indemnización polo uso do vehículo particular que experimentou unha suba a 0,26 euros un ano despois da súa aprobación, cando aplicarían esa suba e se sería con carácter retroactivo. "O goberno di que se está implementando unha solución tecnolóxica no sistema de Recursos Humanos para comezar a pagar a nova tarifa e que esta se aboará con carácter retroactivo desde 18 de xullo de 2023".
Publicidade
Para o BNG, que se tarde máis dun anos en implementar unha solución tecnolóxica indica
"claramente o desleixo das administracións con todo aquilo que ten que ver cos servizos no rural, propiciando o deterioro pouco a pouco até deixalos nuns mínimos que impiden a súa operatividade. Dende o BNG agardamos que a empresa Correos, xa que non aporta a
fungoneta de reparto, pague na nómina de setembro os atrasos e se proceda a actualizar a nova cantidade por aportación do vehículo aos traballadores".
Comments