Ecos da Comarca/Lalín
Tras facerse pública, por parte da Consellería de Política Social, a listaxe provisional de admitidos nas escolas infantís da Galiña Azul da comarca na convocatoria de prazo excepcional de decembro do 2024, O BNG sinala que "coñecemos que en Deza-Tabeirós e Terra de Montes quedaron 43 crianzas en lista de agarda".
E indica que os concellos onde máis nenos e nenas quedaron fóra deste servizo "que, segundo o goberno da Xunta de Galiza é gratuíto e universal, foron Silleda, con 12 cativas/os e Lalín, onde hai 20 en lista de agarda repartidos entre a escola infantil do Polígono Lalín 2000 e a do Pontiñas, sendo 8 e 12 respectivamente os que quedaron sen a praza solicitada. Non menos importantes foron as familias das crianzas de Vila de Cruces e A Estrada, con 6 e 5 crianzas que permanecen en lista de agarda tras coñecerse aos admitidos/as".
"É preciso lembrar, que no caso da comarca en cuestión, igual que no resto do país, ano tras ano dende que se implantou a gratuidade para todas, hai sempre crianzas que fican sen a súa praza, demostrando que son insuficientes de xeito evidente, sen que se aumente a oferta de xestión pública para facerlle fronte á demanda, cada vez maior, deste
servizo de conciliación. No caso de aumentarse, coma ocorreu recentemente en Lalín, é derivado de situacións sobrevidas e que non teñen máis solución que poñerlle remedio
sobre a marcha, feito que denota que a previsión e a intención de que as prazas públicas sexan abondas para atender ás solicitudes é inexistente, favorecendo deste xeito a iniciativa privada, que nos custa moito máis a todas e todos os galegos".
Por todo o exposto anteriormente preguntará no Parlamento:
POP:
"Considera a Xunta de Galiza que se está prestando un servizo gratuíto e universal de escolarización infantil na comarca de Deza-Tabeirós e Terra de Montes á luz dos datos que revelan as recentes listas de agarda nas que quedaron 43 nenos e nenas sen a praza
infantil solicitada nas escolas Galiña Azul?"
Publicidade
POP:
1. Por que motivo non se utilizaron os fondos europeos para aumentar a oferta de prazas de escola infantil de carácter público na comarca de Deza-Tabeirós e Terra de Montes, sendo coñecedores de que son insuficientes ano tras ano?
2. Como vai solucionar o goberno da Xunta de Galiza a insuficiencia de prazas para o curso próximo nesta comarca?
3. Cantas prazas de escolas infantís públicas se crearon na comarca de Deza-Tabeirós e
Terra de Montes os dous últimos cursos (23/24 e 24/25)?
4. Considera a Consellería de Política Social que se está a prestar un servizo universal e gratuíto de escolarización infantil 0-3 na comarca de Deza-Tabeirós e Terra de Montes?
5. Cantas prazas de carácter privado se ofertan actualmente na comarca citada e cantas
de xestión pública?
PNL:
1. Creación de prazas públicas de escolas infantís 0-3 na comarca de Deza-Tabeirós e Terra de Montes para o curso 25/26, que solucionen o problema da súa insuficiencia
constante ano tras ano e que favorezan que o servizo prestado sexa de xestión pública.
2. Garantir que ningunha familia quede sen servizo de conciliación na comarca no
próximo curso, de xeito que se garantan as posibilidades do acceso de todas as crianzas
ás prazas solicitadas.
Comentarios