top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG denuncia que "o goberno de Lalín prepara unha importante suba de impostos e taxas municipais"

Paco Vilariño advírtelle a Crespo que “loitaremos con todas as nosas forzas para que os lalinenses non paguen o despilfarro da súa pésima xestión”


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín denuncia que o goberno municipal do PP prepara para levar ao vindeiro pleno do 27 de outubro unha importante suba xeralizada dos impostos e taxas municipais. "A intención do PP é levar a pleno a modificación das ordenanzas destes tributos municipais para elevar a súa contía, cunha suba xeralizada que deste xeito entraría en vigor a partires do mes de xaneiro de 2024". O voceiro nacionalista, Paco Vilariño, anuncia xa que o BNG se vai a “opoñer frontalmente” a este “novo saqueo dos petos dos veciños e veciñas por parte do goberno local”.

Paco Vilariño.

Vilariño lembra que esta suba impositiva afectará por exemplo ao IBI (o imposto máis

importante e que máis grava á xente pola súa cuantía), lembrando que foi no cuatripartito, e defendido por Vilariño, cando se baixou ao mínimo legal dito imposto supoñendo un aforro moi importante para a veciñanza. Esta decisión política, en palabras do voceiro nacionalista, suporá “un pau a maiores para as economías familiares dos veciños e veciñas”, que xa están a sufrir importantes dificultades económicas por mor da suba dos prezos dos alimentos e os carburantes. O BNG considera “unha desvergoña” que o PP de Lalín “non só non toma nin unha soa medida social de apoio ás familias, senón que por riba decide subir impostos e taxas para agravar aínda máis as súas economías”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Hai un mes, Paco Vilariño lembra que xa advertiu a raíz do conflito do goberno local cos feirantes das Festas Das Dores, que “semellaba o preludio da intención de subir impostos aos veciños e veciñas, e non nos equivocamos”. Dende o BNG de Lalín “vimos na intención de subir un 300% as taxas aos feirantes un afán recadatorio do goberno do PP que ía continuar nos petos dos lalinenses, e así vai a ser”. Vilariño recorda que xa nese momento “advertímoslle a Crespo que non imos consentir que volva a saquear aos veciños e veciñas para pagar os seus despilfarros”. “É posible que para o alcalde ou para os membros do Goberno con retribucións de ministros, o aumento dos impostos e taxas poida parecerlles un asunto menor, pero para moitos fogares nos que cada día 15 xa é final de mes cada euro conta”.


En catro meses de mandato, o novo goberno de Crespo “non fixo máis que enganar á veciñanza”. Paco Vilariño lembra que na campaña electoral “nada dixo o PP da suba de taxas e os impostos municipais”. Gañadas as eleccións “o primeiro que fixeron foi subirse os soldos dun xeito obsceno e manter unha empresa de colocación entre concelleiros e asesores que nos vai a custar aos veciños e veciñas máis de 2 millóns de euros”. E agora, Vilariño denuncia que "para pagar estos soldos millonarios o PP mete de novo a man no peto dos lalinenses”.

Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Segundo critica o BNG, “o goberno do PP de Lalín pretende facer pagar aos veciños os

delirios do alcalde e a súa pésima xestión, logo de convertirse nunha empresa de

contratación de amigos e unha inmobiliaria cos cartos de todos os veciños e veciñas,

chegando a endebedar as arcas municipais en 4 anos en máis de 12 millóns de euros

cando nós, non só saneamos a desfeita que herdamos do PP a nivel económico cando

gobernamos, senón que deixamos as arcas municipais con débeda 0”.


Vilariño lémbralle ao alcalde que “un goberno responsable fai políticas para mellorar a calidade de vida e o benestar dos seus veciños, non sube os impostos para afogalos aínda máis”. Por iso, o BNG recoméndalle ao PP que “baixe os seus salarios millonarios para aumentar as arcas municipais”.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page