Declara que "é unha evidencia que o novo CIS é un mero cambio de localización que non resolve o problema a carón da sanidade lalinense"
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Lalín sinala que "os problemas do novo CIS non tardaron en chegar e, cando non leva máis que un mes e uns días en funcionamento, xa foron moitas as eivas denunciadas pola veciñanza, que se suceden semana tras semana" e que, segundo o portavoz nacionalista, Paco Vilariño, “demostran que o traslado cara as novas instalacións non significou nada máis que iso, un cambio de sitio, sen que melloremos no servizo sanitario que recibimos.”
Aos problemas que se acumulan en canto ao reducido número de estacionamentos cos que conta o centro ou a ausencia das especialidades prometidas, que agora son previsións a anos vista, engádense atropelos nas inmediacións pola falla de seguridade viaria na contorna ou á ausencia do servizo de hemodiálise e da base de helicópteros, ambas as dúas, froito dun compromiso preelectoral. "Máis non é só iso, xa que co paso
dos días as denuncias por parte do persoal sanitario e dos doentes e demais usuarios,
continuaron, esclarecendo a realidade diaria que se sucede no CIS e a que dende o
goberno se fan ouvidos xordos".
“Vimos de coñecer, pola prensa desta semana, que o persoal que se atopa na primeira planta, na zona da recepción, traballa con bufandas e luvas por mor do frío que fai nesa área do centro, derivado de que as portas se abren constantemente coma é lóxico e podería preverse e xa agora, antes de chegar o tempo de inverno, se lles fai difícil de soportar as temperaturas, algo que se resolvería evitando a circulación de aire directa coa instalación doutra porta complementaria, que evite a corrente” asevera Paco Vilariño ao referirse á denuncia dos traballadores do centro ao respecto. Máis non se trata só diso, segundo el mesmo nós explica, xa que declara que “temos menos persoal sanitario, dous médicos/as menos dos que tiñamos en horario de tarde, co agravante de que asumimos a carga da área de Dozón, e de que non se cobren as baixas de persoal sanitario, como vemos que ocorre, asemade, coa praza de pediatría que está vacante xa de mañá. Contabamos con 14 doutores, dez deles en horario de mañá e catro de tarde, que na
actualidade son dous, co que iso significa ao respecto das listas de agarda para as consultas e a atención con atraso dos pacientes.”
Publicidade
Segundo o portavoz nacionalista, o propio persoal sanitario quéixase de que os médicos teñen que compartir consultas, “algo que nunca pasou ate o de agora e que é incrible sabendo que a segunda planta ten 5 consultas baleiras que ninguén está utilizando, por non falar dos tres despachos que se destinan á especialidade de “cardioloxía”, que non temos, ao igual que o adicado a traumatoloxía ou oftalmoloxía, que se ocupan tan só 2 días por semana, co cal, as instalacións están infrautilizadas cando o persoal precisa os espazos para traballar con comodidade”. Referíndose así mesmo as eivas en canto aos espazos, aseguran, dende o BNG que o PAC só ten dispoñible unha consulta en horario de 8 a 3, co cal, os pacientes que acoden por urxencia agardan nos corredores, habendo dúas consultas baleiras que non se están usando. Por non falar da presenza dun só ascensor no edificio, nun extremo deste, que é insuficiente e que causa graves problemas cando está fóra de servizo como ocorreu recentemente” finaliza Paco Vilariño.
O BNG reclama solucións urxentes para a veciñanza, sen escusas, e lembra que “a sanidade de Lalín ten moita mellora por diante e que o único que se fixo co novo CIS foi cambiar a localización onde sermos atendidos como un acto propagandístico, sen melloras en canto a falla de persoal sanitario e equipamento, moito menos aínda en canto
ás especializades, das que carecemos, sen que as necesidades reais da poboación se tivesen nin teñan en conta, como é evidente”.
Comentarios