Reitera que "a sanidade lalinense presenta eivas que supoñen un perigo para a saúde e a vida da veciñanza e solicítanlle ao goberno que as corrixa coa maior celeridade posible"
Ecos da Comarca/Lalín
Despois de coñecerse o recente fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, polo que se condena ao Servizo Galego de Saúde a indemnizar á compañeira dun falecido por infarto no Centro de Saúde de Lalín no ano 2019, o BNG lalinense asegura nas súas declaracións “non pasan máis desgrazas porque non están de pasar, non porque esteamos preparados, coidados e protexidos en canto á sanidade se refire, xa que as eivas son graves e persisten no tempo, empeorando a calidade do servizo ano tras ano.”
Os nacionalistas reiteran que “non estamos protexidos e as nosas vidas corren perigo debido a unha sanidade pública cada vez máis deteriorada fronte á desatención do goberno da Xunta de Galiza, coa connivencia do goberno do concello, que se adica a
actos propagandísticos na inauguración do novo CIS, onde o único novo é a infraestrutura, xa que a atención continúa a ter as deficiencias de sempre”.
"Neste caso concreto, no que unha administrativa valorou a urxencia dun doente sen consideralo prioritario en canto á atención, a fin foi dramática, pero non foi a única persoa que perdeu a vida por un servizo deficiente, lembrado ao veciño de Dozón que morreu tras agardar máis de 45 minutos por unha ambulancia". “Os casos nos que a atención é precaria sucédense cada semana, recibindo chamadas de veciñas e veciños que agardan por unha ambulancia máis dunha hora nunha situación de emerxencia, coma pasou aínda na xornada de onte (polo mércores), outros que se queixan de que a máquina de raios pasa semanas sen estar dispoñible ou as familias que teñen que levar ás súas crianzas ao CHUS para ser atendidas por un pediatra, xa que en Lalín e, por extensión en media comarca, carecemos de servizo de pediatría polas tardes” enumera varias deficiencias o portavoz local, Paco Vilariño, que recalca que non van deixar de denunciar cada un dos problemas dos que sexan coñecedores dende o Bloque, coma di, levan facendo ate o de agora.
Publicidade
“A ambulancia que temos é de soporte vital avanzado de enfermería, non ten a equipa completa, polo tanto carece de médico, por moito que dende o PP se afanen en vendela coma o que non é; non temos especialidades que permitan reducir as visitas ao CHUS e non se sabe cando chegarán ao novo CIS, onde non se planificou nin sequera de xeito correcto a capacidade necesaria do aparcadoiro; o PAC queda durante moitas horas do ano sen médicos porque se teñen que desprazar a urxencias domiciliarias ou a acompañar aos doentes na ambulancia, de xeito que non hai outro remedio que desprazarse a Santiago para ser atendidos, moito máis no caso das crianzas; as citas
para atención primaria teñen en moitos casos listas de agarda dunha semana… dende o
BNG cremos que a desmantelación leva anos en marcha e en Lalín somos tamén vítimas” enumera Paco Vilariño algunha das eivas que segundo os nacionalistas presenta o servizo de sanidade.
Publicidade
A pesares de que ningunha indemnización vai devolver a vida ao paciente que morreu por unha atención deficiente no Centro de Saúde de Lalín, dende o BNG cren que “isto non fai se non confirmar as nosas denuncias reiteradas e as nosas solicitudes en canto á mellora da sanidade no noso concello, que precisa de atención urxente e menos propaganda, para que todas e todos nos sintamos salvagardados nunha situación así e, sobre todo, para que isto non volva ocorrer” laméntase o portavoz ao lembrar o caso do falecido en 2019.
Comments