O BNG de Silleda pide á alcaldesa que "deixe de levantar cortinas de fume e tome medidas co albergue"
- ecosdacomarca
- hace 3 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda pide á alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, que "deixe de levantar cortinas de fume e tome medidas concretas para resolver a situación do albergue" da Bandeira.

"Ante o intento da máxima responsable municipal de levantar unha cortina de fume para
eludir a súa responsabilidade na situación actual, entendemos que O ÚNICO MOTIVO polo que a actual propietaria reclama a restitución da propiedade é polo erro cometido na elaboración do PXOM, onde por algún motivo se cualificou como un terreo dotacional de
titularidade municipal, perdendo así a categoría de chan de propiedade privada e edificable que tiña previamente. Os erros poden darse, o que corresponde é recoñecelos e corrixilos, non perpetualos, obrigando aos veciños e ao Concello a gastar tempos e cartos en acudir á vía xudicial, como está ocorrendo neste caso", subliña o Bloque.
Tal e como indicaba a propietaria hai días na prensa, a única petición que formula é "que se lle devolva o terreo coa cualificación urbanística correcta, e que se rectifique oficialmente a súa titularidade como ben privado no planeamento urbanístico". "É dicir, a actual problemática podería solucionala o goberno municipal iniciando un expediente
de modificación do Plan Xeral, que corrixise ambos erros e dese garantías xurídicas á actual propietaria para así tentar negociar a prolongación do actual convenio de cesión. A pesar de que a propietaria leva meses facendo estas simples demandas, o certo é que nun ano o goberno non fixo absolutamente nada e a día de hoxe a alcaldesa non amosou a súa intención de modificar o PXOM", sinala o BNG.
Publicidade
Por iso o partido nacionalista de Silleda reclama ao goberno socialista que asuma responsabilidades e tome medidas concretas para resolver a situación. "Todo o que non sexa iso, son fogos de artificio que teñen como única intención desviar a atención pública e dos medios da raíz do problema: a nula capacidade da alcaldesa para resolver o erro urbanístico e negociar unha solución coas partes afectadas. Respecto ás mencións feitas pola alcaldía indicando que “a súa prioridade é responder con claridade as acusacións dos actuais concelleiros do BNG”, recomendámoslle que centre os esforzos en facer o seu traballo e resolver o caos urbanístico xerado arredor deste terreo. O que si temos claro é que a alcaldesa de Silleda segue sendo a mesma de sempre, eludindo toda responsabilidade na xestión e culpando aos demais da súa incapacidade para chegar a
acordos".
Publicidade
Por último, o BNG lamenta unha vez máis a situación pola que está pasando a propietaria dos terreos, única vítima deste caso, e agradécelle a cesión gratuíta, que permitiu que A Bandeira contara cun albergue que dinamizou durante anos a vila.
NOTICIAS RELACIONADAS:
A propietaria da parcela do albergue da Bandeira (Silleda) demanda por vía xudicial a súa recuperación: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-propietaria-da-parcela-do-albergue-da-bandeira-silleda-demanda-por-v%C3%ADa-xudicial-a-s%C3%BAa-recuperaci
O BNG insta á modificación do PXOM para solucionar os erros na parcela do actual albergue da Bandeira: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-insta-%C3%A1-modificaci%C3%B3n-do-pxom-para-solucionar-os-erros-na-parcela-do-actual-albergue-da-bandeir
Comments