Decidiu rexistrar unha moción na que denuncia a falta de mantemento e pide á Consellería que realice os investimentos necesarios para corrixir as eivas detectadas
Ecos da Comarca/Silleda
O grupo municipal do BNG de Silleda, "logo das queixas recibidas por multitude de
veciños a respecto da situación na que se atopa o centro de saúde da vila", decidiu
rexistrar a debate unha moción na que denuncia a falta de mantemento das instalacións
e pide á Consellería de Sanidade que, con carácter urxente, realice os investimentos
necesarios para corrixir as eivas detectadas.
Así, logo da visita á instalación, os concelleiros nacionalistas puideron comprobar como
"o principal problema deriva das filtracións de auga, que fan que os responsables do
centro teñan que colocar cubos e toallas nas fiestras co fin de evitar que a auga corra
polo chan do centro". Dese problema derivan outros, "como a humidade e a presenza de
mofo nas paredes o que supón un evidente risco para a saúde pública dos usuarios, en
especial de bebés e persoas de avanzada idade con problemas respiratorios".
Desde o BNG recordan que o centro de saúde foi cedido por parte do Concello á
Consellería de Sanidade a principios de 2017, correndo o mantemento a cargo do
SERGAS desde entón, motivo polo que a moción se dirixa á Xunta demandando unha
solución urxente na época estival e antes do comezo da época de chuvias en outono.
Rogos e preguntas
Por outra banda, o BNG aproveita para dar a coñecer os rogos e preguntas que foron
trasladados polos concelleiros nacionalistas no anterior pleno ordinario do 5 de abril e
"que, lamentablemente, non foron retransmitidos pola canle oficial do Concello".
Así, a voceira do BNG local, Erea Rey, preguntou por cando se daría continuidade ao
pintado dos pasos de peóns en ambas vilas e reclamou o incremento da
iluminación pública no cruce das rúas Progreso e Emilio Alonso Paz, no marco dun
plan de mellora da seguridade viaria urbana. Tamén quixo preguntar acerca dos gastos
extraordinarios que se fixeron desde o Concello con motivo da inauguración do concello,
"coma os case 6 mil euros gastados no envío de cartas, ou os 1.400 euros gastados en
dúas máquinas embolsadoras de paraugas".
Publicidade
Pola súa banda, Xerardo Díaz solicitou ao Concello que se faga cargo do mantemento
da carballeira pública situado na parroquia do Castro, e que foi cedida no seu
momento polo conxunto da veciñanza. "Dita carballeira require traballos de poda por
persoal profesional así como o arranxo do valado exterior, tamén de madeira, que
actualmente está a caer".
Nesa liña, o BNG recorda que o concello debe facerse cargo da limpeza das fincas
das que é titular, do mesmo xeito que se lle pide ao resto da veciñanza que faga o
propio, co gallo da prevención do risco de lumes.
Comments