Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín presenta unha moción relativa ás medidas a aplicar contra o avance da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) na campaña 2024. "Para o BNG de Lalín o noso sector agrogandeiro é chave no desenvolvemento económico de todo o noso concello, debido ao elevado número de familias que teñen como actividade económica principal a agricultura e a gandería tendo, sen lugar a dúbidas, un sector lácteo punteiro na nosa zona e unha inxente cantidade de ganderías que se adican á produción cárnica, posuíndo unha calidade excepcional e recoñecida dos nosos produtos".
Asimesmo, sinala que dito sector está librando unha batalla co acelerado abandono do rural, feito que se contrasta con evidencias. "É sabido por todos que as zonas onde hai relevo xeracional nas explotacións gandeiras son zonas que resisten mellor a despoboación e onde continúa habendo unha vida activa. Con isto, polo tanto, somos conscientes dende o BNG, que temos que coidar dito sector, polo que estamos preocupados polo avance inminente da EHE (enfermidade hemorráxica epizoótica)".
A EHE, explica o Bloque, é unha enfermidade que afecta a bovinos, causada por un virus da familia Reoviridae que ten un período de incubación de 2 a 10 días, semellante ao virus da Lingua Azul, tamén moi de moda ultimamente. "Estamos, polo tanto, ante unha enfermidade infecciosa non contaxiosa entre os animais, transmitida por vectores que
neste caso son mosquitos da familia Culicoides, que da lugar a unha clínica moderada e
autolimitante, que en moitos casos pode chegar a cadros graves que deixan tras de si
secuelas que complican moito a vida dos animais (coxeiras reincidentes, problemas
derivados de fallos en órganos vitais como pode ser o ril, etc) ou incluso a morte".
No estado español os primeiros casos detectáronse en novembro do 2022 e o avance
foi pouco a pouco de sur a norte ata chegar a Galiza, onde comezamos a sufrir os
primeiros casos no pasado ano, cando chegaron xa á nosa comarca e, tras diso, ao
concello de Lalín. "Trátase dunha situación, a que deriva deste padecemento, que afecta
aos gandeiros economicamente, xa que o tratamento sintomático da enfermidade da
lugar a gastos elevados, sendo en moitos casos insuficiente para manter o animal con
vida, feito que aos veterinarios e veterinarias, grandes abandonados neste caso, lles
conleva unha grande frustración".
"A data de hoxe, seguimos sen ter vacina para dita enfermidade, sendo a única solución
posible, aínda que moi complicada de levar a cabo, tratar de loitar contra o vector a
través de repelentes e insecticidas, de elevado custo e pouca efectividade en casos
como Galiza, onde as propias chuvias rebaixan moito dita efectividade. No noso caso
concreto, a enfermidade vese favorecida pola elevada cantidade de explotacións en
pastoreo que se asentan neste concello, de xeito que o vector, favorecido por zonas
húmidas ten máis capacidade de actuación. En resumo, os gandeiros e gandeiras están
desprotexidos fronte a esta enfermidade e carecen de información que chegue dende
o coñecemento dos profesionais ou dende o propio Concello ou a Xunta".
"Como solución ao problema, que este ano coa chegada da primavera volverá coller
forza e terá grande incidencia no sector, tanto a nivel económico como social, a Xunta
de Galiza, que coma sempre bota balóns fóra e ignora as súas competencias,
compensará aos gandeiros cunha axuda de carácter retroactivo e cantidade de diñeiro
irrisoria, crendo que neste sector todo vale e que cunha cantidade que non cubre os
custes do tratamento, poderán solventar a crise que se aveciña e da que non parecen
ser conscientes, ao igual que non o é este Goberno desde os sillóns onde se sentan.
Ditas contías, segundo as propias palabras do Conselleiro de medio rural “cubrirán
perdas económicas de supresión dos animais”, sen ter en conta que moitos deles non
morren, pero quedan afectados a nivel produtivo de xeito que hai que eliminalos da
explotación pasada a enfermidade, coa conseguinte perda de peso e baixada no que
reciben coa súa venda".
Publicidade
Por todo o anteriormente exposto, o BNG no Concello de Lalín, propón ao Pleno a seguinte
moción:
1.- Que o Concello de Lalín inste á Xunta de Galiza a elaborar un plan detallado de
prevención da enfermidade e avance da mesma.
2.- Que o Concello de Lalín leve a cabo charlas informativas onde asistan profesionais
do sector para explicarlle aos gandeiros e gandeiras a problemática e como poden
facerlle fronte.
3.- Que as axudas teñan en conta as secuelas dos animais, non só a morte destes a
causa da enfermidade.
Comentários