top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG de Lalín non asistirá á inauguración do CIS "por coherencia na súa defensa da sanidade pública"

Califica o acto inaugural de "propagandístico, mentres a sanidade de Lalín e a comarca continúa agonizando sen que o goberno tome medidas"


Ecos da Comarca/Lalín

Este xoves inaugurarase en Lalín o Centro Integrado de Saúde (CIS), acto ao que non asistirá o BNG deste municipio tal e como adiantou onte. "Este próximo xoves a inauguración (CIS) achegará a grande cantidade de representantes políticos, que en moitos casos se desprazarán con fins partidistas a unha infraestrutura que non comezará a funcionar nin sequera unha vez inaugurada, xa que queda aínda por facer parte do traslado do material dende o emprazamento anterior".

Dende o BNG lalinense non participarán na inauguración en sinal de protesta, non porque non crean que o edificio novo sexa necesario, "é evidente que necesitamos outro emprazamento porque o anterior deixouse deteriorar ata o punto de estar apuntalado por

detrás, dando unha imaxe deplorable da vila e daqueles que tiñan que traballar para que a estrutura se conservara en perfecto estado para dar servizo á veciñanza”, senón para ser

coherentes coas súas demandas a nivel sanitario, que continuarán sen cubrirse co novo CIS.


“Non podemos esquecer que continuamos a ter falla de persoal sanitario, que as especialidades non se ofrecerán no novo CIS ata dentro de moito tempo e están sen

clarificar, como o propio alcalde recoñecía, continuamos sen ter a ambulancia de soporte vital avanzado que solicitamos historicamente dende o BNG e que pon en perigo a vida dos veciños e veciñas, que o PAC queda horas sen médico de garda co que iso implica e, por suposto, seguimos sen que as nosas crianzas teñan servizo de pediatría polas tardes,

tendo que desprazarse ao CHUS para ser atendidas.”


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Declara o portavoz Paco Vilariño, que recoñece sentirse enganado, ao igual que todo o seu grupo, por esta inauguración, comprometéndose cos lalinenses “continuaremos coa loita que sempre encabezamos para que a nosa sanidade sexa pública e de calidade xa que o que precisamos son servizos, non só un edificio novo que levan usando dende fai anos de xeito propagandístico por parte do goberno do PP de Lalín e da Xunta de Galiza, mentres a atención á cidadanía mingua cada día sen que dende o goberno o eviten”.


E realidade, sinalan, "é que o novo CIS leva anos de atraso por diversos problemas, cun sobrecusto derivado de problemas que se foron sucedendo e que fixeron acumular un lustro de demora dende que foi prometido e tememos que non imos mellorar a nosa atención sanitaria en absoluto e non imos ser parte dunha comparsa propagandística que o único que fai e sacar a foto para logo marchar e deixar a sanidade lalinense e da comarca agonizando, igual que estaba” conclúe o portavoz nacionalista para explicar a súa ausencia do acto inaugural.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page