Ecos da Comarca/Lalín
Nesta semana o BNG lalinense foi informado, a través de varios artesáns, "de posibles irregularidades por parte do Consello á hora do reparto dos postos de venda de produtos de alimentación, artesanía e produtos industriais singulares, unha das ofertas estrela da Feira do Cocido".

Sinala que nas bases que rexen a concesión de autorización para a instalación de postos, especifícase de xeito claro que estes serán como máximo 3 por titular, e que se concederán segundo a eferta económica presentada por parte dos solicitantes, que aportarán unha contía que este ano comezou nun mínimo de 67 euros en adiante. "A sorpresa chegou cando algúns dos que ofertaron unha maior contía económica non optaron a máis dun posto, como solicitaran seguindo as concicións marcadas, mentres outros entraron cunha menor aportación económica, sen apoiarse nas propias bases expostas na páxina web do concello, para descontento dos aspirantes a expoñer os seus produtos na presente edición desta Festa de Interese Turístico Internacional".
Publicidade
Os afectados mostraron o seu descontento na conversa coa concelleira lalinense Ariadna Fernández que, nunha revisión das bases e das solicitudes constatou que existira esa falla de rigor, e que agarda que dende o Concello rectifiquen e se poñan en contacto cos solicitantes para dar as explicacións pertinentes ao respecto. "Deste xeito foron eles os que, ate a imposibilidade de que os atenderan no concello, amosaron o seu desagrado a través dunha notificación electrónica rexistraron vía telemática, unha queixa para recriminar o modo de actuar do responsable. Na mesma conversa deixan entrever as dúbidas sobre próximas solicitudes no futuro, ao non ter a certeza de que, co espazo dun
só posto, sexan capaces de garantir que poderán recuperar sequera a contía económica
aportada para instalarse", sinala o BNG.
“Se pretenden escoller os postos doutro xeito que non sexa, ademais de porque son acaídos ou non, pola oferta económica dos propietarios/as, que modifiquen as bases e sexan claros, o que non poden é pecar de falla de rigor sen garantir a transparencia do proceso” declara a concelleira nacionalista. “Xa na Feira do Mel tivemos constancia a través dunha denuncia pública en redes, de que se deixara fóra por segundo ano consecutivo a unha produtora de mel local cuxa traxectoria foi recoñecida con grande
cantidade de premios en diferentes certames. Non entendemos este tipo de condutas e
pedimos transparencia para ambos casos, que as condicións sexan as mesmas para
todos aqueles que queren participar neste tipo de actividades en Lalín e que non se
exclúa sen ningún tipo de transparencia a ninguén”.
Remata a concelleira Ariadna Fernández adiantando que no vindeiro pleno pedirá explicacións sobre o ocorrido en ámbolos dous casos para que o goberno responda sobre o ocorrido.
Comments