top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O bipartito de Melide defende a adquisición dun terreo no núcleo da vila e a reforma da piscina

Adiante Melide e o PSOE insisten na súa postura para "afrontar estes dous investimentos estruturais no municipio"


Ecos da Comarca/Melide

O Concello de Melide aprobou esta semana nun pleno extraordinario modificacións orzamentarias para afrontar dous importantes investimentos estruturais no municipio. O primeiro será a posible adquisición dun amplo terreo no núcleo urbano de Melide apto para estacionamento, celebración de grandes eventos ao aire libre, o outros usos, tal e como sinala o Concello. O segundo, a necesaria reforma e modernización da piscina municipal, actualmente fóra de servizo polas "deficiencias detectadas, para facer dela un centro deportivo á altura das necesidades veciñais".

A sesión plenaria desta semana.

A modificación orzamentaria 35/2022, vía crédito extraordinario nº 2/2022, saíu adiante

cos votos a favor dos grupos municipais de Adiante Melide e o PSOE, rexistrándose o voto en contra do Partido Popular. O Concello poderá así destinar parte do remanente de tesouraría a adquirir unha ampla parcela en pleno centro de Melide. "A parcela, que destaca pola súa boa localización e extensión é na actualidade obxecto dun contrato de cesión gratuíta asinado en xullo de 2020 entre o Concello e o propietario do espazo", explica o Concello, que engade que "por razóns de interese público, o Concello intentará acometer esta operación de compra financiándoa con recursos propios municipais, facendo uso do remanente de tesouraría para gastos xerais. Cubriríase o importe total de compra do terreo, dun valor de 932.005,96 €. Trátase dun gasto que non pode demorarse ata o exercicio seguinte e para o cal non existe crédito no vixente orzamento municipal. Esta é a motivación para a aprobación dunha modificación orzamentaria", recalca.


Piscina municipal

O pleno aprobou, igualmente cos votos a favor de Adiante Melide e PSOE e a abstención

do Partido Popular, unha modificación orzamentaria para acometer a reforma da piscina. Esta modificación, a número 34/2022, vía suplemento de crédito 2/2022, financiado con cargo ao remanente de tesouraría, permitirá solucionar problemas crónicos na infraestrutura e convertela nun moderno centro deportivo. "A piscina municipal de Melide non pode poñerse en funcionamento actualmente debido ao estado en que se atopa. Os informes de expertos falan dun risco evidente para a saúde das e dos usuarios. Son obrigatorios investimentos en climatización, ventilación, calefacción e xestión da auga, ademais de optimización de espazos. O obxectivo é que deixe de ser unha piscina climatizada dotada dun pequeno ximnasio e sala de actividades para operar como un centro deportivo integrado".


O proxecto básico da reforma e ampliación era de aproximadamente 840.000 euros. En

agosto, o Pleno municipal aprobara inicialmente un expediente de modificación de crédito

para cubrir este gasto, pero o auxe dos prezos pola actual conxuntura económica elevou

o importe do proxecto a 1.066.529,36 €, no que supón un incremento do 26,76% fronte ao

prezo orixinal. O expediente de modificación orzamentaria aprobado esta semana permitirá consignar a contía de 465.146,71 euros para facer fronte ao gasto. "Esta reforma contribuirá a impulsar en Melide unha oferta deportiva de calidade en espazos adecuados para a práctica de diversas disciplinas, cun impacto positivo na calidade de vida da veciñanza".


Críticas

Como nunca chove a gusto de todos, ambas actuacións tamén están recibindo críticas por parte da oposición e de veciños. Por iso, o bipartito, en conxunto e tamén por separado, defende estas decisións.


COMUNICADO (íntegro) DE ADIANTE MELIDE

Dende Adiante Melide apoiamos e traballamos para lograr a adquisición, por parte do Concello, dunha gran parcela no centro de Melide que dará solución aos problemas de estacionamento na vila e permitirá contar cun amplo espazo público de usos múltiples. Neste sentido, dende a nosa organización consideramos que o solar en cuestión é estratéxico e idóneo para tales fins. De feito, cómpre recordar que no solar que o Concello pretende adquirir xa se celebraron as festas do San Roque durante a pandemia e que na actualidade, en virtude dun contrato de cesión gratuíta, está funcionando como un espazo de estacionamento, demostrándose así a súa plena operatividade neste sentido. Trátase dun espazo amplo, despexado, céntrico e accesible para peóns e para o tráfico rodado. É dicir, un espazo estratéxico.


Dende Adiante Melide lamentamos, que por puro interese electoral e persoal, Dalia García, adoptase a estratexia de “pau na roda” e de difusión de informacións falsas co único obxectivo de paralizar a acción municipal e de danar a imaxe de Melide. Unha actitude moi pouco construtiva e impropia dunha persoa que exerceu unha responsabilidade como a de alcaldesa de Melide.


Sobre o valor do terreo, especialmente, chaman a atención as declaracións de Dalia García. A portavoz popular subestima publicamente o valor económico real do solar, situándoo en apenas 150.000€. Resulta sorprendente que unha veciña de Melide e que exerceu responsabilidades institucionais neste concello, descoñeza, ou finxa descoñecer, o valor medio do terreo en Melide. A taxación, realizada por un profesional independente, fixa o valor actual real do solar nos 907.525€.

Dalia García manipula as cifras do valor do inmoble coa finalidade de acusar ao Goberno Municipal de operar contra a legalidade desviando os cartos da diferenza cara a non se sabe onde. Unha acusación moi grave, que non imos a permitir, e que se encadra na súa estratexia de bulos e mentiras coa finalidade de confundir e abafar aos veciños e veciñas de Melide.


Para rematar, dende Adiante Melide lamentamos, unha vez máis, que cando se están a tratar cuestións de gran importancia para o futuro do noso concello, sempre aparecen declaracións e mentiras de Dalia García ( apoidadas por varios medios de comunicación afíns e imparciais) que intentan entorpecer o traballo do actual equipo de goberno.


COMUNICADO (íntegro) DO PSOE DE MELIDE

O martes día 22 de novembro celebrouse un pleno importante no que se aprobaron, cos votos favorables do equipo de goberno, dúas modificacións orzamentarias para investimentos en Melide. A primeira refírese a reforma da actual piscina climatizada para convertela nun centro deportivo moderno que preste un servizo de calidade a Melide e a toda a comarca. Jose A.Prado, afirma: “o estado da piscina era tan malo e con risco para a saúde dos usuarios, según informe técnicos, que había dúas posibles decisións: Derrubala ou reforma ampla”, e tamén lémbralle ao PP que eles: “tiveron pechada a instalación dúos anos, de 2012 a 2014, para só invertir 155.000€ e arranxos, e nos imos a licitar un millón de euros en obras”.


O segundo punto da orde do día foi orzamentar a posible compra por parte do Concello, dun solar no centro de Melide, que permitirá contar cun amplo espazo público para usos múltiples, que todos os melidenses teremos que decidir. Este asunto, os socialistas considerámolo estratéxico para o futuro de Melide, e por iso debemos traballar para interés do pobo.


Lamentamos a actitude do PP no pleno, que segue a súa liña habitual: mentiras, deslealdade e amenazas xudiciais, e por iso, Jose A. Prado, afirma: “o PP e a súa voceira amosan unha vez máis que para eles prevalece o interés persoal e de partido sobre o de Melide, e as amenazas non van a condicionar o compromiso do goberno en xestionar as necesidades de Melide”


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page