Taboada agradece á oposición que "por fin servan para algo" e que avisara da necesidade de limpar os fondos da piscina", aínda que bota de menos que o chamaran directamente
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O rexedor de Vila de Cruces, Luis Taboada, estivo este sábado ultimando persoalmente as limpezas das piscinas da Carixa, para que volvan lucir como fai un par de semanas, tal e como indican dende o Concello. Taboada quere aproveitar para informar a todos os visitantes que poden gozar das instalacións da Área Recreativa da Carixa sen ningún problema, "a pesar das comunicacións alarmantes que realizaron os grupos da oposición PP e BNG, que polo visto non lles sentou moi ben as últimas declaracións que
realizou o goberno de Xuntos".
O rexedor quere recalcar que agradece aos grupos da oposición que lle informaran da necesidade de limpar novamente as piscinas para o goce dos visitantes, pero non lle gustou a forma de decatarse, debido a que no canto de chamalo directamente preferiron dicilo nas redes sociais e na prensa, "dando a entender que non fan o seu traballo correctamente. Do que non informaron ós medios é de que, por motivos do Covid-19 cambiaron as regras do xogo, porque anteriormente enchíanse as piscinas e baleirábanse posteriormente para volvelas a encher, pasando un día enteiro ou “máis” esa auga encharcada, e agora polo contrario mantemos un caudal de auga corrente coma se fose o propio río que estea a rexenerar esa auga constantemente, o que con leva a que arrastre sucidade proveniente do río e instálese no fondo das piscinas". Unhas piscinas que como di Taboada, "están mal chamadas, debido a que non teñen un circuíto de depuración interno, senón que se abastece directamente da auga do río, o que en moitas ocasións como agora deposita sucidade no fondo".
As piscinas da Área Recreativa da Carixa.
O goberno de Xuntos está a estudar a posibilidade de facer estas piscinas estancas e con circuíto propio de depuración, e así poder ter unhas piscinas nesta área "marabillosa de moita máis calidade", e agradece toda a colaboración veciñal que informan de danos para que "o goberno poida emendalos en tempo récord como foi nesta ocasión". Taboada séntese satisfeito de que a oposición "só tivese problemas con esta actuación que xa se solucionou" e lémbralles que "Vila de Cruces é de todos, e que arrimen o ombreiro, e está a desexar ver como aproban o proxecto de conversión destas piscinas no próximo pleno ao cal poidan levalo".
Noticias relacionadas:
Comments