Ecos da Comarca/Xeral
O 112 Galicia rexistra 260 incidencias na circulación como consecuencia da borrasca Martinho. Maioritariamente, producíronse caídas de ábores, ramas, cables, postes, sinais de tráfico, mobiliario urbano e desprendementos de tellados. As últimas 24 horas no 112 Galicia estuveron marcadas polos efectos da borrasca Martinho, que trouxo ventos fortes tanto á liña de costa como en terra.
De feito, os refachos van gañando intensidade ata o punto de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía acaba de informar do aumento a nivel laranxa do aviso inicial de nivel amarelo por vento en terra, concretamente en boa parte da provincia da Coruña. A forza dos refachos, que xa se están producindo nesta zona, poden superar os 110 quilómetros por hora. Esta situación obriga a extremar a precaución, especialmente ao volante, debido a que calquera obxecto pode irromper nas vías. Tanto así que, nas últimas 24 horas, o 112 Galicia ten contabilizadas 260 incidencias na circulación. Isto correspóndese maioritariamente coa caída de árbores, ramas, cables, postes, sinais de tráfico, mobiliario urbano e desprendemento de tellados. Tamén se están producindo vertidos no mar, en concreto, flotadores de batea e outras plataformas de uso pesqueiro. De momento, sen que se rexistrasen danos persoais.

En canto á repartición destas incidencias por provincias, convén destacar que, nas últimas 24 horas, sobresae Pontevedra pola cantidade de incidencias acumuladas. Proba diso son as incidencias localizadas en concellos como Cangas ou Vigo, onde se produciron bastantes desprendementos de tellados. De feito, en Cangas, suspendéronse as clases nos institutos da Rodeira e María Soliño debido ao desprendemento das chapas dos tellados tanto do centro educativo como do pavillón deportivo. Ademais, na mesma localidade da comarca do Morrazo, caeu unha árbore sobre un vehículo cunha persoa no interior. No seu rescate acudiron os membros do parque de bombeiros comarcal, pero non foi necesario utilizar o equipo de excarceración. Con todo, a axuda dos bombeiros foi imprescindible, xa que a condutora estaba contracturada e necesitaba unha man para poder saír do vehículo. Seguido da provincia de Pontevedra, sitúase A Coruña en canto ao número de incidencias rexistradas, despois Ourense e, por último, Lugo.
Publicidade
Cun denominador común que é a caída de vexetación e outros elementos do mobiliario urbano, o que causou bastantes complicacións na circulación, sobre todo, a primeiras horas desta mañá. Algún vehículo de transporte público e escolar tivo problemas para avanzar no seu roteiro. Foi o caso dun autocar de transporte de alumnos, que tivo que parar por mor dunha árbore que cortaba completamente a vía en Campo Lameiro. Neste sentido, desde o 112 Galicia, recoméndase adoptar medidas de auto protección durante a condución, pero tamén nos desprazamento a pé, xa que serán frecuentes as caídas de obxectos e vexetación. Ademais, aínda que non en todos os casos podemos vincular as causas ás condicións meteorolóxicas, certo é que, nas últimas 24 horas, rexistráronse 60 accidentes nas estradas.
Tamén hai zonas sen luz como Santiso, Agolada ou Touro.
Comments