O 112 Galicia atendeu case 2.500 chamadas e xestionou máis de 700 incidencias durante o día de onte
- ecosdacomarca
- hace 8 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias – 112 Galicia recibiu ata as 17:30 horas de onte, un total de 2.399 chamadas, das cales 704 acabaron por converterse en incidencias.
Para ofrecer un marco comparativo axeitado, son case o dobre de chamadas e incidencias das que se atenderon e xestionaron o mesmo día do ano 2024, con 1248 e 371, respectivamente.
Convén sinalar que o apagamento xeneralizado que se está a experimentar en toda a Península Ibérica afecta á rede eléctrica galega, pero os servizos básicos e de emerxencias como o 112 Galicia manteñen a súa operatividade de maneira ininterrompida durante as 24 horas do día.

As incidencias máis repetidas durante as primeiras horas tiveron que ver con persoas atrapadas nos ascensores de edificios de toda a comunidade galega, e que requiriron da intervención dos servizos de emerxencias.
Con todo, ningunha destas incidencias foi de gravidade. Iso si, pódense destacar os dez casos de anegamentos en sotos e garaxes en localidades como Santiago, Vilagarcía, Narón ou Poio. A maioría, por problemas no funcionamento das bombas de achicamento dispoñibles nestas instalacións. Ningunha persoa resultou ferida.
Durante a tarde, as máis repetidas tiveron que ver con incidencias de carácter social (78). Nesta tipoloxía englóbanse casos como a asistencia a persoas con mobilidade reducida ao non funcionar os ascensores e outros casos similares. Destacamos, sobre todo, a trintena de dúbidas e incidencias relacionadas co funcionamento de máquinas de osíxeno, que foron trasladadas ao 061.
Publicidade
As persoas con problemas cos dispositivos de terapia respiratoria que precisen cargar as baterías poden acudir ao seu Punto de Atención Continuada (PAC) de referencia. Ante calquera dúbida ou incidencia sanitaria, poden chamar ao 061 ou ao 1-1-2.
Nestes momentos continúa activo o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) a nivel autonómico, cuxo Centro de Coordinación Operativo Integrado (Cecopi) está constituído na sede estradense do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias.
O seu obxectivo principal é a coordinación técnica e administrativa e a adopción das medidas axeitadas de xeito conxunto.
Comments