Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre os vindeiros comicios electorais municipais
Antón Branco Vilariño/Lalín
Artigo de opinión
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
NON ESTÁ A FERRAIA PRA GAITAS
Aquí, neste punto da escrita, non hai unha frase célebre. Comezo co pouso dun refrán que me dicían cando era neno, porque eu era moi traste. Cando che toca criar a alguén que está, día si e día tamén, facendo das súas, nalgún punto, escolles a amenaza como ferramenta preventiva. Realmente non tes outra, tes que criar a ese zángano e hai que roelo.
O 28 de maio son as eleccións municipais e eu, como lalinense, estou farto dos case 30 anos que leva o actual alcalde no cargo, farto tamén das décadas de gobernos conservadores. Creo que chegou o momento de darlle a oportunidade a outras ideas. Xa tivemos unha pequena experiencia cos catro anos do cuatripartido, que xeraron unha inercia esperanzadora.
O que acontece agora é que o PP, non só non seguiu a estela deixada polo cuatripartido, volveu ao carreiro que deixou en 2015, á política de facer obras e tratar de cegarnos con grandes evento; eu creo que este é un modelo caduco, produto dunha época na que había un exceso de carto público que se malgastaba en estratexias políticas máis ben inútiles para a cidadanía. Todas podemos viaxar á etapa dos dispendios no Castro Tecnolóxico e do Lalín Arena, do aumento catastrófico da débeda por unha xestión nefasta, da deixadez en servizos sociais, do pasotismo sobre o rural. Todos estes feitos resoan na actualidade. Estamos ante o revival desa época: o retraso dun CIS do que descoñecemos que servizos nos vai traer, a presentación apresurada de obras de dubidosa necesidade (edificio de Medio Rural, a Gran Praza,...), o uso do Cocido como pantalla ante a falta de políticas de longo alcance, a desaparación dunha política cultural renovadora,... Pola contra temos os 4 anos de cuatripartito, que nos queren vender coma un desastre, mais que sentaron as
bases dunha nova forma de concibir Lalín; podemos recordar a redución da débeda ao mínimo, a gran inversión en servizos sociais, o gasto dunha parte relevante do orzamento no rural, a defensa do noso patrimonio natural ou a aposta por unha cultura vangardista que non perda de vista a tradición.
Agora creo que toca mirar cara o futuro, pensar en políticas achegadas á xente: servizos sociais, mobilidade, vivenda, medioambiente, ampliación de dereitos e participación cidadá, transparencia... En definitiva, políticas desas que non culminan co corte dunha cintiña, senón que nos miran con empatía, que nos tratan como adultas, en resumo, que nos coidan.
Coma min, hai moita xente que está farta, que ve que o tempo das megaconstrucións xa pasou, que están moi cansas de non verlle traza ao que se fai dende o goberno local. E todas estas personas, a diferenza da miña familia, non temos que conformarnos con ameazas a un traste, podemos facernos valer con accións, podemos ir o 28 de maio con ganas de votar por outro proxecto de concello, podemos participar, mobilizanos, aportar ideas. As ideas que están xa tiveron décadas de oportunidade, quizais é tempo de que haxa un relevo. É tempo de anovar a terra.
*Artigo de opinión de Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
Comments