"Os artesáns aquí fan demostracións para que a xente vexa como se fan as cousas e as valoren doutra maneira"
Laura Moure/Agolada
Mañá venres bota a andar nos Pendellos de Agolada a décima edición do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, evento de referencia na promoción dos oficios de Artesanía de Galicia organizado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación. O Encontro contará cun amplo programa de actividades no que se inclúen demostracións en vivo de artesáns, exposición e venda de produtos gourmet, cursos de formación especializados, obradoiros abertos, actividades de música e baile e showcookings da mellor gastronomía galega servida en pezas da marca Artesanía de
Galicia. O horario do evento será de 11:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 21:30 horas.
Hoxe en ECOS DA COMARCA falamos coa persoa que máis sabe desta cita. Ela é Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia.
1. Cal é o segredo para que un evento, como o Corazón da Artesanía, celebre xa a súa décima edición?
Nós apostamos pola Agolada no 2012 porque realmente non se cumpren 10 anos consecutivos, porque durante a pandemia non se celebrou. E cabe mencionar que o de Corazón de Artesanía vén porque Agolada, esa zona, é o latexo de Galicia. Temos que dicir que ao principio foron tempos difíciles porque moita xente tampouco entendía porque facelo en Agolada e costounos levar á xente alí. Pero pouco a pouco foise consolidando e se antes tiñamos poucos artesáns que quixeran vir, agora quédanos moitísima xente fóra. O que nos pasa en Agolada é que temos un problema de espazo porque os Pendellos non teñen maneira de medrar, debido a súa propia arquitectura. Pero estamos moi contentos por chegar a esta décima edición e sobre todo, porque aquí ademais facemos unha promoción de toda Galicia.
2. E que o Corazón de Artesanía convértense nun gran evento de promoción, e non só do feito a man.
Si porque ademais non só promocionamos a arquitectura dos propios Pendellos, que é un conxunto histórico tan singular, senón que unimos aos nosos artesáns, aos artesáns da Artesanía de Galicia, coas pequenas empresas de alimentación, e dámonos conta que foi un acerto facelo en Agolada. Creo que na sinerxia de unir tamén acertamos e sobre todo de elixir pequenos produtores de calidade, ao igual que os artesáns. Nós en Galicia temos unha artesanía contemporánea moi potente, pero non entra neste programa, porque aquí traballamos máis con oficios tradicionais. E tamén estamos moi contentos co noso programa Artesanía no Prato.
Publicidade
3. E contar cun evento tan consolidado e cunha ampla programación sempre é importante para un pobo.
Si é un motor de dinamizador socioecómico importante tanto para a propia Agolada como para Deza, en xeral. Están todos os hoteis completos, que xa non temos onde meter á xente; ademais esta ten que comer, ten que durmir... coas actuacións o público está na praza, a xente gasta, vai ao supermercado...
4. Como dicía ao principio da conversa, nos primeiros anos foi difícil traer aos profesionais a Agolada. Pero por que agora repiten os artesáns e queren vir tantos?
Porque é un sitio onde non só se vende, senón que se fan moi bos contactos. Veñen moitas tendas. Hai xente de grandes empresas que veñen visitar Agolada e fichan artesáns. Este ano imos ter moitos xornalistas; imos ter unha tenda de Londres, de Estocolmo, de Madrid... e despois moitas de Galicia. Ademais, Agolada é un sitio que axuda a que haxa moita relación entre os artesáns. Non é a típica feira que están todos nas súas casetas, aquí fan máis familia, máis grupo e incluso, outros artesáns veñen a visitar aos que participan.
5. Cantos cursos especializados se impartirán durante os tres días?
Temos oito cursos de formación especializada dirixida primeiro artesáns, pero tamén a xente que ten coñecementos de artesanía. Estes non son abertos ao público en xeral. Pero despois temos talleres gratuítos abertos a todo tipo de público e de feito imos facer unha iniciativa que creo que vai ser moi bonita! É unha instalación colaborativa na praza dos Pendellos coa cesteira Idoia Cuesta e Sara Regal, que é unha deseñadora galega pero que vive en Palma de Mallorca, e van facer unha instalación colaborativa con produtos naturais como plantas, que as vai achegar unha empresa. Cada participante estará como máximo unha hora. Despois hai remate de xoguetes de madeira, iniciación ao torno cerámico, técnicas de encaixe, que imos ter unha palilleira... e a xente pode probar.
Publicidade
6. Facendo partícipe ao público, conséguese darlle máis valor á artesanía?
Si. Os artesáns aquí fan demostracións para que a xente vexa como se fan as cousas e as valoren doutra maneira. Por exemplo, vai haber un telar antigo moi bonito que velo traballar é moi interesante. E esa tamén é a maneira de que a xente vexa, valore e entenda o prezo da artesanía. Así mesmo é unha maneira de divulgarla, no só aos maiores, senón tamén aos nenos, que eles van ser os compradores do futuro.
7. Considera que cada vez se lle dá máis importancia ao feito á man?
A min non me gusta dicir que está de moda, porque non quero pensar que está de moda porque as modas son pasaxeiras, pero si que é verdade que cada vez se valora máis. Por iso sempre é importante que non só artesáns vendan senón que tamén divulguen o que fan e que a xente poida ver os procesos. Esta é a razón pola que nós en todas as feiras que promovemos sempre facemos talleres demostrativos para que a xente aprecie o traballo. E despois en Agolada haberá algo que a min me parece moi bonito, que fixemos hai uns anos, que consiste en que o sábado e o domingo haberá xente debuxando por Agolada, polos Pendellos,... E de aí sairá un gañador que recibirá unha dotación económica de 350 euros. Está dirixido aos interesados no debuxo e ilustración. Como dicía será o sábado todo o día e o domingo de 11 a 14:30 horas e a idea que debuxen tanto a xente traballando, comos os Pendellos, o que cada un lle chame a atención...
8. A Fundación Artesanía de Galicia quedou finalista o pasado ano no Premio Promociona para entidades públicas na categoría dos Premios Nacionales de Artesanía, precisamente pola mostra Corazón da Artesanía. Supoño que isto é unha gran motivación para continuar.
Si, para nós é un orgullo. Estar alí deunos unha maior visibilidade e estamos moi contentos. Tamén nos alegramos moito polo que ganou, que é un proxecto andaluz vinculado á inclusión. E quero destacar que para min Agolada é o noso proxecto especial en Galicia, aínda que para nós montar nos Pendellos é moi complicado, porque non é o mesmo facelo nos Pendellos, que instalar uns stands, supón moitos meses de traballo..., pero Agolada é un lugar único.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Anuncio desta edición: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-encontro-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-celebrar%C3%A1-en-agolada-do-7-ao-9-de-xullo-a-s%C3%BAa-d%C3%A9cima-edici%C3%B3n
Aberto o prazo de inscrición para os cursos especializados: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-abre-a-inscrici%C3%B3n-para-os-cursos-especializados-do-encontro-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-en-agolada
As actuacións musicais desta edición e horarios dos autobuses: https://www.ecosdacomarca.com/post/mercedes-pe%C3%B3n-e-leil%C3%ADa-centran-a-programaci%C3%B3n-musical-do-x-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-en-agolada
O PROGRAMA COMPLETO: https://artesaniadegalicia.xunta.gal/sites/default/files/documentos/Corazon_Artesania_2023_PROGRAMA_dixital.pdf
A gastronomía comparte cita en Agolada coa artesanía: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-gastronom%C3%ADa-de-vangarda-volve-compartir-escenario-coa-artesan%C3%ADa-nos-pendellos-de-agolada-do-7-ao-9
Comments