top of page

Máis de 200 organizacións europeas denuncian a UE "por ocultar información dos proxectos mineiros declarados estratéxicos"

Ecoloxistas en Acción alertan que "o proxecto de mina Doade é unha copia do mesmo que foi denegado hai 3 anos e que tivo informes desfavorables da Confederación Hidrográfica Miño Sil e do Instituto Geológico y Minero de España"


Ecos da Comarca/Xeral

A Comisión Europea publicou recentemente a lista de “proxectos estratéxicos” baixo o Regulamento de Materias Primas Fundamentais para acelerar a obtención de minerais considerados estratéxicos para a transición enerxética e dixital e outras industrias como a armamentística.  A consideración de proxecto estratéxico permite a tramitación acelerada de permisos de explotación e impide unha participación efectiva das poboacións locais. Agora máis de 200 organizacións denuncian á Unión Euroepa por "ocultar información".


"Estes proxectos tamén terán un status prioritario en procesos administrativos e xudiciais e recibirán axuda da Comisión Europea para obter financiamento. Outro aspecto moi preocupante é que unha parte moi importante dos xacementos dos chamados “minerais críticos” atópanse moi preto ou dentro de zonas de protección especial como a Rede Natura 2000 e os proxectos seleccionados poderán considerarse “de interese público superior”, debilitando a aplicación das directivas ambientais de protección da natureza", sinala Ecoloxistas en Acción.

Alertados por esta situación, numerosas organizacións ecoloxistas e colectivos sociais de toda Europa dirixíronse á Unión Europea solicitando información sobre estes proxectos para poder avaliar o impacto ambiental e social que causarán na contorna. "Ante a negativa dos organismos europeos a facilitar información básica relativa a estes proxectos mineiros", 230 organizacións (ONGs, bufetes de avogados e grupos formais e informais que traballan no estado de dereito, a protección do medio ambiente, os dereitos humanos…) escribiron unha carta á Presidente Metsola e aos Grupos Políticos no Parlamento Europeo Parlamento solicitando que se lles permita exercer o seu dereito de acceder á información pública e ambiental.


Para as organizacións asinantes esta falta de transparencia lanza incerteza sobre os criterios aplicados para outorgar a determinados proxectos unha cualificación que lles outorgará privilexios económicos e administrativos, tales como a tramitación acelerada de concesión de autorizacións. Ademais, supón unha vulneración do Convenio de Aarhus sobre información, participación e xustiza ambiental.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

As organizacións advirten que "as actuais políticas sobre minerais críticos, lonxe de garantir unha transición ecolóxica xusta, profundan nas desigualdades sociais e territoriais existentes e poden aumentar a desafección cara ás políticas climáticas. Tampouco resolven senón que profundan no espolio de recursos do Sur Global, sen garantir os dereitos dos pobos indíxenas nin das comunidades locais nestes países".


Demandan, con carácter inmediato, unha revisión dos proxectos estratéxicos seleccionados "de forma que se garanta que non recibe esta cualificación ningún proxecto con malas prácticas ambientais e sociais, nin proxectos situados en espazos naturais protexidos, así como noutros que fosen merecedores de protección incompatible coas actividades extractivas". Así mesmo, recalcan que "é imprescindible un xiro de 180º nas políticas sobre materias primas minerais de forma que se priorice a redución da demanda e a reciclaxe de metais, e que se poña no centro da toma de decisións o benestar da poboación e a súa contorna".


“Para que a política mineira da UE sexa crible e sostible, debe basearse nunha planificación espacial estratéxica que defina con claridade que materias primas necesítanse, en que lugares poden extraerse sen poñer en risco o medio ambiente nin as comunidades, e baixo que condicións deben desenvolverse. Esta planificación debe construírse con criterios de interese xeral e cunha participación pública real e reforzada. Non podemos deixar que o rumbo o marquen propostas dispersas impulsadas unicamente polos intereses particulares das empresas”, afirman desde o conxunto de organizacións asinantes da carta.


Ademais, denuncian que en España escolléronse minas cun amplo historial de irregularidades e malas prácticas ambientais, "como son as das Cruces (Sevilla), La Parrilla (Cáceres) e Aguablanca (Badaxoz), e proxectos con ampla contestación social polos seus previsibles impactos en espazos protexidos como os das Navas (Cáceres), Doade (Ourense) e O Moto (Ciudad Real)". Lembran que "a mina de La Parrilla foi sancionada e pechada en 2022 por carecer de autorización ambiental e por construír ilegalmente balsas de residuos mineiros, mentres que a Mina das Cruces acumula máis de 6.5 millóns de euros en sancións e indemnizacións por extraccións ilegais de augas do acuífero de Gerena e Guillena-Cantillana, masas de auga consideradas como reserva estratéxica de emerxencia para o consumo humano de Sevilla en caso de escaseza. No caso da mina de Aguablanca, Denarius está liderada por empresarios cun amplo historial de vulneracións de dereitos humanos nas súas explotacións de ouro e petróleo en Colombia".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Respecto ao proxecto de explotación mineira en Doade incluido na listaxe europea de proxectos estratéxicos resaltan desde Ecoloxistas en Acción que non é novo. Sinalan que "o proxecto mineiro actual é unha reedición do que foi denegado hai 3 anos. Daquela o Instituto Geológico y Minero de España advertiu nun dos seus informes da posibilidade de formación de augas ácidas de mina e que minerais radiactivos como o cesio ou o rubidio serían extraídos, machacados, depositados en escombreiras ao aire libre e suxeitos a disolución, bombeo e inxección a cauces superficiais e contaminación de acuíferos, todo iso a menos de 1 km de dous núcleos de poboación. Ademais, a propia Confederación Hidrográfica Miño Sil informou desfavorablemte ao proxecto por ter un grave impacto sobre as masas de auga sa súa bacia".


“Resulta incomprensible que con estes antecedentes e a gran oposición da veciñanza da contorna se lle otorgue a este proxecto a consideración de estratéxico”, denuncia Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.



Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page