top of page

Miles de persoas convocadas polos grupos vivos saíron á rúa ao berro de “Altri

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Os grupos vivos chamaron a “encher a Pobra do Caramiñal” o vindeiro domingo 22 “por terra e por mar”


Ecos da Comarca/Xeral

Grupos Vivos contra Altri por todo o país saíron onte, domingo, ás rúas de máis dunha ducia de concellos para protestar contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva a este proxecto que a Xunta de Galicia emitiu no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres 14 de marzo. O epicentro destas protestas foi Arzúa, onde esta fin de semana se celebrou a 50 edición da súa Festa do Queixo. Na Praza de Galicia, ás doce do mediodía varios grupos vivos sumáronse a nunha concentración multitudinaria convocada por Arzúa Viva. Pancartas e colectivos contra Altri e a Mina de Touro, berros de “A auga é nosa e non da celulosa” ou “Nin Altri nin Mina, Rueda contamina”, abarrotaron a Praza de Galicia de Arzúa, coa presenza tamén de grupos vivos doutros concellos afectados como Santiso e Vila de Cruces.


O voceiro de Arzúa Viva, Armando Carril, asegurou que “imos parar este proxecto” e amosou o respaldo e a contestación social coma un dos avais no futuro desta loita. A pesares da aprobación da DIA o pasado 14 de marzo, Carril lembrou que “imos seguir loitando e reivindicando” fronte a unha Xunta de Galicia “que leva meses facendo de comercial de Altri e desoíndo á veciñanza”. Agora ábrese unha nova vía nesta loita, segundo explicaron os voceiros dos grupos vivos aínda que a DIA non se pode recurrir administrativa nin xudicialmente, o seguinte paso é a Autorización Ambiental Integrada (AAI), contra a que caberán no seu caso os primeiros recursos vía administrativa e xudicial, segundo explicou o voceiro de Santiso Vivo, Serxio Núñez.

Foi Santiso o concello máis madrugador nas convocatorias de onte contra a DIA da Xunta a Altri. Ás once da mañá, fronte ao antigo concello, centos de veciñas e veciñas xuntáronse para expresar o seu rexeitamento á primeira autorización que o proxecto da pasteira portuguesa recibe da Xunta de Galicia. Ás doce do mediodía producíronse concentracións multitudinarias en Arzúa, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Melide, Agolada, Pontevedra, Redondela, Padrón.


En Pontevea o colectivo Ulla Vivo reuniu aos concellos de Teo, A Estrada, Vedra e Boqueixón nunha concentración multitudinaria que colapsou a ponte e reuniu a preto de 2.000 persoas. Suso de Toro e Mabel Ribera leron o manifesto nun ambiente festivo e reivindicativo onde todos os presentes lembraron a importante cita na Pobra do Caramiñal o vindeiro domingo 22 de marzo.

En Monterroso, o seu grupo vivo valorou moi positivamente a grande participación da veciñanza na concentración celebrada diante do Concello. Inma Castro, voceira de Monterroso Vivo destacou ademais que se sumaron a esta convocatoria veciñas e veciños de concellos limítrofes coma Portomarín e Taboada, que tamén expresaron o seu rexeitamento á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Resposta masiva” o 22 de marzo na Pobra

En todas as concentracións os grupos vivos contra Altri lembraron que “a loita

continúa” a pesares da “esperada” autorización da Xunta, criticaron unha tramitación

“irregular e obscurantista” e chamaron á cidadanía a seguir protestando contra a

macrocelulosa de Altri e a Mina de Touro na manifestación convocada pola

Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) o vindeiro 22 de marzo na Pobra

do Caramiñal. “Imos encher a Pobra coa dignidade e o orgullo de todo un pobo que

non se rende e que conseguirá parar esta macrocelulosa”, sinalaron os voceiros nas

concentracións.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page