Trátase dun mural que se inaugurou onte no que se representa María Rodríguez Pazos, unha veciña de San Martiño (Arzúa), que, aínda hoxe, continúa a elaborar queixo
Laura Moure/Arzúa
No marco da celebración da 50ª edición da Festa do Queixo, este venres foi presentado oficialmente o mural conmemorativo que homenaxea medio século de historia deste evento emblemático. Desta maneira Arzúa dálle visibilidade ás súas queixeiras a través da obra “María, malabarista do queixo fresco”, unha creación do artista Yoseba MP que rende tributo ás mulleres que, durante xeracións, foron gardiás dun saber que define a identidade da comarca.

A muller representada na obra é María Rodríguez Pazos, unha veciña da parroquia de San Martiño (Arzúa), que, aínda hoxe, continúa a elaborar queixo coa súa familia, mantendo viva a tradición e o amor polo oficio. A súa figura, representada facendo malabares co queixo, simboliza a destreza, a dedicación e o equilibrio entre o pasado e o presente, entre o traballo e a paixón.
Publicidade
No fondo da obra, as vacas pacendo evocan a simbiose esencial entre a casa e o campo, entre a terra e as mans que a coidan. O mural convértese así nunha celebración do legado das mulleres que, coma ela, foron e seguen sendo o corazón do rural galego.
O alcalde de Arzúa, Xesús Carril, subliña a importancia deste mural como elemento de identidade para o pobo: “Con esta obra queremos render tributo a todas aquelas que fixeron posible que a Festa do Queixo chegase ata aquí. Este mural non só decora o noso espazo urbano, senón que tamén nos lembra que o queixo é parte fundamental da nosa historia e do noso futuro”. Con esta intervención artística, Arzúa revaloriza a figura das súas queixeiras, recoñecendo o seu papel fundamental na conservación dunha tradición que fai do queixo arzuán un referente de calidade e autenticidade.
Publicidade
A Festa do Queixo celébrase dende onte, día 14, ata mañá, día 16. Máis datos no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pino-lanza-unha-enquisa-parade-se%C3%B1ar-un-programa-de-actividades-deportivas-m%C3%A1is-amplo-e-adaptado-8-4
Comentarios