Laura Moure/Deza
Onte tivo lugar en Cercio, Lalín, a Asemblea Xeral de Cobideza Sociedade Cooperativa, na que Román Santalla puxo fin a 31 anos á fronte da presidencia da entidade. O relevo prodúcese coa incorporación de Jesús Manteiga como novo presidente, que estará acompañado na directiva por Raquel Canabal na vicepresidencia, José Manuel Hermida como secretario, Román Santalla, que continuará como tesoureiro, e Isabel Vilariño, Beatriz Conde e Jaime Fernández como vogais. O equipo contará coa incorporación de Pablo García como director xerente da cooperativa, destacando a súa ampla experiencia e coñecemento no sector, o que supón un impulso para a xestión e desenvolvemento futuro da entidade.

Román Santalla fixo balance da súa traxectoria de máis de tres décadas á fronte de Cobideza, poñendo en valor o crecemento da cooperativa ata alcanzar unha estrutura supracomarcal, con presenza consolidada en Deza, Tabeirós-Terra de Montes e A Ulloa. "Cobideza é hoxe unha cooperativa que estrutura o interior de Galicia, con 200 socios e socias que producen anualmente uns 54 millóns de litros de leite", subliñou Santalla.
Así, puxo en valor o papel de Cobideza como motor de dinamización do rural, non só como entidade produtora de leite, senón como un referente na vertebración económica e social do territorio. “Cobideza converteuse ao longo destes anos nun elemento fundamental para estruturar o interior, consolidando un modelo de cooperativismo que ofrece estabilidade e cohesión ao rural. “A nosa dimensión non só nos permite negociar prezos do leite en condicións máis favorables, senón tamén ofrecer un amplo abano de servizos que fortalecen a competitividade das explotacións”, salientou.
Publicidade
Entre os fitos máis relevantes da súa etapa, destacou a apertura dos almacéns en Silleda e Vila de Cruces, así como a posta en marcha da queixería e dos supermercados rurais, iniciativas que “non só reforzan o apoio directo ao gandeiro, senón que tamén contribúen a manter servizos esenciais no medio rural, evitando o despoboamento e xerando emprego directo e indirecto”.
Jesús Manteiga, pola súa banda, comprometeuse a continuar coa aposta polos servizos ao gandeiro que sempre caracterizou a Cobideza, destacando a necesidade de reforzar a xestión dos trámites administrativos e a transformación dixital. Entre os obxectivos da nova directiva está garantir unha tramitación eficiente da PAC e ofrecer un apoio integral aos socios e socias para afrontar os novos retos do sector.
Publicidade
A renovación da directiva marca unha nova etapa na cooperativa, mantendo o compromiso coa modernización e a mellora continua, en beneficio da comunidade gandeira e do desenvolvemento do rural galego.
Comments