top of page

Investigada unha persoa por un incendio forestal rexistrado en Toques

Ecos da Comarca/Toques

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Santiago esclareceron un total de catro incendios forestais rexistrados nos concellos de Padrón, Toques, Vedra e na propia Santiago de Compostela.

O lume en Padrón rexistrouse o 4 de marzo na parroquia de Carcacía e afectou un total de 700 metros cadrados de terreo arborado. Os axentes, logo dunha primeira inspección ocular, observaron diferentes indicios de actividade nas inmediacións da superficie queimada, entre eles os restos dunha queima agrícola. Na extinción do lume participaron un axente forestal e efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Padrón.


O incendio do concello de Toques, sucedido o 30 de marzo, afectou á parroquia de San Martiño de Oleiros e a 7,38 hectáreas de superficie (3 hectáreas de arborado e 4,38 de rasas). Logo da investigación por parte dos axentes da UPA, concluíuse que se tratou dun incendio intencionado. Para esclarecer os feitos realizáronse múltiples xestións, entre elas entrevistouse a veciños do lugar, a axentes da Policía Local de Melide, a persoal da UIFO; así como diversas inspeccións oculares e tomas de declaracións a testemuñas dos feitos. Na extinción do lume participaron un axente forestal, dúas cuadrillas e dúas motobombas. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Arzúa.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O 1 de abril tamén se rexistrou un incendio no concello de Vedra, onde arderon 8.000 metros cadrados de superficie arborada. As investigacións levadas a cabo permitiron concluír que se debeu á neglixencia dunha queima de restos agrícolas sen as debidas medidas de seguridade. Por isto se lle tomou declaración á persoa responsable en calidade de investigada non detida. Na extinción do lume participaron un axente forestal, dúas motobombas e dúas brigadas.


En Santiago de Compostela, o 9 de abril, un tractor que ardeu por accidente mentres realizaba traballos forestais provocou un lume que calcinou 300 metros cadrados de superficie. Na extinción participaron un axente forestal, unha brigada e unha motobomba.

Nos incendios de Vedra e Santiago as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Santiago de Compostela.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

En cada un dos casos resultou investigada unha persoa. No que vai de campaña, a UPA leva nove persoas investigadas ou detidas como presuntas autoras de incendios forestais.


A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.



Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page