A obra é froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello e está valorada en 1,7 millóns de euros
Laura Moure/Lalín
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos transformadores, que melloran os servizos e embelecen as cidades, coma a ampliación do cemiterio Fraga do Alén en Lalín. O mandatario provincial participou este sábado na inauguración desta obra, un feito que coincide co primeiro aniversario da toma de posesión de Luis López como presidente do organismo provincial.
“Hoxe non é un día calquera. Tal día como hoxe, hai exactamente un ano, empuñaba por primeira vez o bastón de mando como presidente da Deputación e penso que non hai mellor forma de conmemorar este aniversario que nun acto como este. En Lalín, un concello no que sempre me sentín coma na casa; rodeado de compañeiros como o alcalde José Crespo ou o conselleiro Román Rodríguez e inaugurando unha obra que é unha mostra máis dese municipalismo que rexe a acción da Deputación”, afirmou o dirixente provincial.
Publicidade
A obra é froito da colaboración entre a Deputación e o Concello e está valorada en 1,7 millóns de euros, dos que o organismo provincial achega 1,3 millóns de euros ao abeiro do programa ReacPon, e o Concello aporta a cantidade restante. Tratouse dunha intervención integral que transformou este cemiterio, que conta con xardín e arborado nun lugar para o uso e desfrute da poboación ao tempo que adaptou as instalacións ás necesidades propias deste espazo. Neste sentido, a actuación serviu tamén para mellorar os camiños peonís existentes para favorecer a mobilidade peonil e, ao mesmo tempo, integralos nun espazo natural de gran beleza coroado por un lago, que leva o nome de Xela Arias e rende homenaxe a todas as mulleres do mundo da arte.
“Foi unha intervención necesaria, moi demandada e que embelece un lugar moi frecuentado pola veciñanza e que merece o máis profundo dos nosos respectos”, sinalou o presidente Luis López, durante a inauguración deste camposanto.
Publicidade
Unha obra que supón unha mostra da colaboración da Deputación cos concellos da provincia. “Escoitar, entender e atender as necesidades de todos os concellos é a nosa máxima”, asegurou o mandatario. Así mesmo asegurou que o compromiso seguirá sendo o mesmo nos vindeiros anos. “Seguiremos a afondar no municipalismo e na escoita aos alcaldes e alcaldesas, seguiremos a tender pontes con todas as entidades e colectivos e seguiremos a ser esa canle para a modernización e transformación da nosa provincia”, concluíu o presidente provincial despois de agradecer o apoio dos rexedores de toda a provincia.
Comments