Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre a necesidade de ser cautos ante o fluxo constante de información
Antón Branco Vilariño/Lalín
Artigo de opinión
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre a necesidade de ser cautos ante o fluxo constante de información.
![Antón Branco.](https://static.wixstatic.com/media/0216be_b7d90183b4c542f7b85d9db97891cdb4~mv2.png/v1/fill/w_659,h_658,al_c,q_90,enc_auto/0216be_b7d90183b4c542f7b85d9db97891cdb4~mv2.png)
ILUMINADOS
"Lévase falando anos dun termo, woke, usándoo para caricaturizar unha serie de reclamacións sociais lexítimas. No mundo woke estaría o feminismo, o ecoloxismo, as reivindicacións lgtbiq+, o antirracismo, o antiespecismo, o antipunitivismo, etc. A súa tradución directa é “esperto”, pero eu quero usar unha que xa andaba por aí e que se viña a referir ao mesmo, so que non tan acotado: iluminado.
Os iluminados son persoas que empregan uns enfoques ideolóxicos que distan tanto da realidade maioritaria que se necesita unha gracia divina para entenderlos ou compartilos. Normalmente úsase o termo con ton cómico para desprezar a certa xente que se expresa cun vocabulario complicado e que adoita ir á contra con bastante asiduidade. Non o vou a negar, non é a primeira vez que me chaman iluminado ou escoito que o din de min. Que lle vou facer, ao final foron moitos anos de misas e seime de pe a pa bastantes cancións litúrxicas, algo de razón si que teñen. Ademais, sempre me fascinou o método que dicía empregar. Ramanujan para resolver os problemas matemáticos.
Publicidade
Tamén hai outro concepto que me parece moi interesante: o dogwhistle. Refírese a aquelas mensaxes que se transmiten no falar cotián, mais que van encriptadas dun xeito que so quen coñece o código pode entender. É dicir, hai que estar “iluminado” para entender o que nos queren dicir, mentres pasan desapercibidas pola meirande parte da xente.
En ambos casos, tanto quen usa estes conceptos parar rirse ou quen os usa para inchar o peito, estamos a falar de simplificacións do mundo. O día a día e os intercambios humanos son máis complexos que unha serie de enfoques enumerados e agochados en mensaxes. Iso si, por moito que eu queira dicir que é así, sei que non o é ou, polo menos, non opera así na cabeza de moitas persoas.
Publicidade
Di Belén Gopegui, no seu ensaio Pequeñas Heridas Mortales: “No tiene sentido rebelarse contra un rayo que cae, hay que aceptarlo y seguir”. É ben complicado aceptar que temos estes bois e con eles hai que arar, porque sempre queremos porfiar en pensar que por seguir do mesmo xeito, pensando e actuando igual, coma unha onda que bate, incesante, contra o cantil, conseguiremos impactar, convencer e que todos capten a boa nova. Quen non pensa que as súas ideas son as boas?
Ante o balbordo do mundo eu reclamo calma e rigor. De todo se pode e se debe aprender. A priori, nunca digo non a nada. Porque podemos caer sempre en historias que nos soan ben, que riman de marabilla coa melodía que asubiamos na nosa cabeza, mais que non sempren son así e, a longo prazo, convén ter confianza en que quen tés ao lado non te vai deixar tirado por cantos de serea. O que veña, eu prefiro que veña ben para todos e non para uns poucos iluminados".
Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
Comments