“As 15 prazas que se dotan agora na escola infantil Pontiñas da Galiña Azul“son totalmente insuficientes para a demanda actual”, subliña
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal dos socialistas de Lalín, Alba Forno, reiterou onte que “quedan fóra de calquera posibilidade de conciliación preto de medio cento de familias, tanto na pública como na privada no noso municipio”. Así, denunciou que as 15 prazas que se dotan agora na escola infantil Pontiñas da Galiña Azul “son totalmente insuficientes para a demanda actual”, solicitándolle á Xunta que “se implique” e “poña máis prazas a disposición de quen as precise ata cubrir toda a demanda existente, tal e como solicitamos no pasado pleno, co voto contrario do PP”.
A voceira socialista esíxelle ao goberno local que tome a conciliación como “un servizo primordial para o noso concello” e que “deixe de actuar baixo a improvisación nesta materia”. Ao mesmo tempo, subliña que “é o goberno de Pedro Sánchez a través dos fondos europeos que Crespo e o PP tanto criticaron, o que vai financiar a nova aula na escola do Pontiñas tras transferirlle os cartos á Xunta”. Con todo, asegura que este novo módulo non soluciona o problema da falta de prazas, pois seguirá existindo lista de agarda nas escolas infantís públicas. “Isto súmase a problemática do Scentia, que de 41 matrículas que tiña para o curso 24/25 soamente están atendendo a 15 nenos e nenas”, insiste.
Para Alba forno, “os proxenitores están vendo perigar a súa vida laboral e vense obrigados a cambiar de concello para outros onde se lle ofrece este servizo con garantías”. “Ademais”, engade, “non se fomenta a natalidade nin o asentamento de poboación que tanto precisa Lalín”.
Publicidade
En relación á posibilidade que vén de ofrecer a Xunta para reubicar os nenos e nenas do Scentia en escolas da zona, lembra que “precísanse opcións para tódolos pais que seguen sen praza e os socialistas non imos deixar de pelexar por todos ata que ningún quede atrás”. “Insistiremos o que sexa necesario para que se cubra toda a demanda ante un PP que abandona as familias e non ten proxecto a longo, a medio nin a curto prazo para Lalín, porque envialos a Vila de Cruces ou Silleda non pode ser unha solución”, sostén.
Por último, Alba Forno asegura que “parécenos ben que se reúnan para escoitar os pais/nais da problemática do Scentia, pero Crespo ten que lembrar que hai outros tantos en lista de agarda, moitos deles que rematan ou xa remataron a prestación por maternidade/paternidade e se teñen que incorporar á vida laboral e a estas familias hai que escoitalas tamén”.
Comments