top of page

EXPEDIENTE 1721-5/3131: DORES 2024

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre as Festas das Dores


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre as pasadas Festas das Dores deste municipio.

Antón Branco.

EXPEDIENTE 1721-5/3131: DORES 2024

"Xa é mala sorte que xusto o ano que o goberno local asume o papel de ramista nas festas das Dores vai e sae mal. Ben é certo que comezar unha celebración cunha mala noticia é un mal presaxio. Tampouco axuda a ristra de polémicas previas: un cartel uniforme, a concentración das actuacións no mesmo punto, a pouca presenza da cultura local, etc. Sen dúbida, a marcha dos feirantes pola desfeita do goberno foi un pau duro, creo que solventado dun xeito correcto (de cara á galería, iso si). O monotema encheu as conversas de toda a veciñanza ao longo dos cinco días, ata fixo saír ao alcalde do seu toco para tratar de contar a súa “verdade” usando, como non, unha canle privada para comunicar

unha mensaxe pública, algo ao que xa estamos afeitos. “Yo soy así, y así seguiré, nunca cambiaré”. E aínda así, xuntando todo, creo que hai factores máis relevantes que explican o por que estas festas foron cativeiras.


Antes de nada, unha cousa. Cando vou por aí adiante e sae na conversa de onde son a xente sempre menta, con sorna ou con complicidade, dous nomes propios: Cocido e Xosé Cuíña. Tenme pasado en multitude de lugares e asumo que é algo xeralizado. Estes dous son buque insignia, para o bo e para o malo, do que representa Lalín polo mundo adiante. Ámbolos dous conseguiron crear a imaxe do noso concello e ciscala polo territorio, creando unha marca, situando a Lalín no mapa.


Retomo o anterior. Considero que o desastre das Dores 2024 aséntase en dous factores: o modelo e a actitude. O primeiro é inexistente, o goberno local non ten unha dirección do que quere, aboia na auga coma unha cortiza de sobreira, vai alá onde o leven. E creo que non é algo exclusivo deste evento senón que se estende ao resto da política cultural. Ao non haber un plan, unha idea, trátase de ir saíndo do paso. O segundo é antesala do primeiro; hai que querer e despois inventar e materializar, buscando, como non, a distinción. Mentres outras vilas como Narón, O Porriño, Vilagarcía ou mesmo Arzúa vanse adaptando aos tempos, ofrecendo unha programación cultural variada e moderna, nós imos quedando atrás. Porque facemos festas para pasalo ben, pero tamén para sacar peito e mirarnos con orgullo diante do resto da contorna. As Dores deberían ser proa. Pola contra, nos últimos anos, as patronais pasan sen pena nin gloria cun cartel de corrido e sen vida, coma quen come mañá, tarde e noite sopas.


Publicidade

Dígoo sinceramente, hai un mal que se estende, unha desgana, e pode que teña que ver co capitán do barco. Quizais o peso deste apoucamento recaia nun director que se move con desidia, cansado polo paso do tempo e que xa non ten esa chispa de outrora. Semella que todo é un trámite. E eu non digo que non se lle poña empeño, que non se traballe arreo, constato que algo falla e sumo razóns á demostración. Fai falla abrir a fiestra e deixar que entre aire fresco. Fan falla novas ideas para saír deste estancamento, e virar así o rumbo da institución. Hai que darlle oportunidades á xente nova e escoitar a quen entende, a quen viviu moitas épocas, non botar sempre a mirada aos acólitos. Ás veces só hai que probar e ver que sae. E tamén, algo moi importante, transparencia, cando as cousas se fan ben e se explican, sobra o xogo de dividir en bandos ou pedir recomendacións. Somos adultos e queremos o beneficio para todo o mundo. Se nos vai ben a todos vaille ben a Lalín".




Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page