top of page
Foto del escritorecosdacomarca

... E o Furelos chiscoume un ollo

Coma todos os anos ao inicio da tempada de pesca fluvial de Galicia, que empezará este domingo, o presidente da Asociación Troiteiros Río Furelos, Xabier Pazo, escribe un artigo de opinión-reflexión


Ecos da Comarca/Melide

Coma todos os anos ao inicio da tempada de pesca fluvial de Galicia, que empezará este domingo, día 17, ata o 31 de xullo, o presidente da Asociación Troiteiros Río Furelos, Xabier Pazo, escribe un artigo de opinión-reflexión.

... E o Furelos chiscoume un ollo

Debruzado no antepeito da Ponte Románica, coa ollada fixa na tona da auga, procuraba á Vella ... Alí estaba, mansamente alentando, acariñando co seu rabo a corrente; proxectando longas invernías, remontes e baixadas... As ramallas do ameneiro, coa súa incipiente primavera, arrolábannos cos sons da melodía que cantaruxa o Río ao seu paso entre os ollos da ponte e a brincadeira, a xeito de fervenza, que se perde alén da presa de Pita... alén do Rechinol até, moi a modiño, mergullarse no Ulla... E as imaxes gardadas no máis profundo sotelaban proxectadas no seu leito.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Aos poucos A Vella, lentamente... botouse a andar río arriba. Cautelosa, procurando entre a

ramaxe a cana do miñoqueiro.... Vixilante ao lance da culleriña ou da rapala no Pozo da Luz e o Freixo... Axexante das ninfas afogadas e secas que agardan ansiosas nas balsas dos Frades, os Pereiros e nas tablas do Rufo e da Fraga... Prudente ás culleriñas nos rápidos de Guillar e da Ponte da Pedra... Terá retorno esta viaxe?


Eu mergulleime no cantar dun xílgaro rebuldeiro. E acompañamos o Río no seu percurso .

Acougamos por uns momentos na altura da Cheminea do Rechinol para embebernos da súa beleza e, logo, continuarmos a viaxe até a desembocadura do Rego de Reboredo.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Desta volta a tristura, a amargura doutros anos, virouse en alegría cando comprobamos que o Río superara as gravísimas consecuencias das verteduras. Xa non están aqueles carteis que nos lembraban o sucedido. O VEDADO, transformouse en LIBRE. Que grande é o noso Río, canta forza garda! Porén, un aceno de preocupación toldou a ledicia do momento ante o que anuncian os nubeiros no horizonte.


... na reviravolta, entre os ameneiros, asoman os arcos da Ponte Arcediago... timidamente

míranse o Furelos e o Ulla... devagar ... moi ... devagar ... entréganse para sempre.


E o Furelos chiscoume un ollo (dúas bágoas acariñaban as miñas meixelas).


(13 de marzo de 2024 en Priorada )

(Presidente Asoc. Troiteiros Río Furelos

Asdo. Xabier Pazo Blanco




0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page