Este ano volta o tradicional Xantar dos Botes en Ribadiso, o cal se deixou de facer nas últimas edicións
Laura Moure/Arzúa
A fin de semana do 13 ao 14 de setembro terá lugar en Arzúa a Festa dos Botes; é dicir, a festa da xuventude arzuá. Esta 41 edición conta cun amplo cartel de actividades, así como coa actuación musical de grupo relevantes no panorama actual galego.
A organización cóntanos máis no seguinte comunicado:
"A nosa festa ten unha data de nacemento incerta; porén tense constancia de que foi creada na II República da man da xuventude da vila. Ao ser prohibida durante a Ditadura, no 1981 un grupo de mozos decide revivir aquela xornada de convivio que deseñaran os seus antepasados, cun propósito claro que a festa continuase a ser un espazo de xuntanza de toda a mocidade de Arzúa e que o seu carácter humilde non se perderá.
Débese a este último feito que esta leve o nome de Festa dos Botes, ao empregar as latas de refrescos e conservas como elementos decorativos principais; posto que nos inicios da festividade non había os recursos económicos suficientes para comprar guirnaldas ou bandeiróns. A recuperación das lembranzas dos iniciadores da nosa festa e o seu recoñecemento lévannos a que nesta 41ª edición quixeramos que tivesen moita presenza, sacado do baúl fotos antigas que hoxe están presentes en todos os carteis anunciativos. En boa medida, isto débese a que este ano volta o tradicional Xantar dos Botes en Ribadiso, o cal se deixou de facer nas últimas edicións.
Este ten lugar o domingo 15 de setembro na Área Recreativa de Ribadiso, na cal ademais do xantar contaremos cunha sesión vermú ás 13:00 horas a cargo do Dúo Acherizados, que voltarán a animar a festa nunha sesión de tarde ás 18:30 horas. Así mesmo, nesta xornada de festividade haberá ás 17:00 horas unha Festa da Escuma, coa que pretendemos que se divirtan tanto as máis pequenas da casa como as máis maiores. Esta irá seguidas ás 18:00 horas do tradicional Concurso de Peitados, no cal o obxectivo é deslizarse o máximo posible ao longo dunha lona previamente mollada.
Para rematar o día, a DJ arzuá Pájara Boba fará o fin de festa, no cal estamos seguras que conseguirá pechar a festa polo máis grande.
Se pensabades que a festa só era iso estabas erradas; posto que esta comeza dous días antes , é dicir, o venres 13 de setembro. Pensamos que para iniciar a festa que mellor que cunha actividade que nos axude a deixar un recordo físico do que será a fin de semana dos Botes, é por iso, que ás 17:30 contaremos con Arte Urban da man de dous mozos da vila. Este feito tamén foi pensado para recoñecer e pór en valor a calidade artística e cultural coa que conta Arzúa, pondo especial relevancia a aquela que vén da man da mocidade do pobo.
Publicidade
As actuacións musicais terán o seu comezo ás 20:15 horas co concerto de Saso Legalmente, un artista emerxente da Estrada que nos fará vibrar e bailar coas súa rítmicas letras. Como en toda festa nos Botes tamén temos un Pregón ás 21:00 horas, o cal nesta edición correrá a cargo de Nuno Pico, máis coñecido como Grande Amore, debido ao seu cariño por Arzúa e a súa profunda amizade coa xuventude arzuá. Nuno dará paso ás 21:45 horas á procesión de Cutinocho e claro preguntarédesvos, quen é Cutinocho? Pois non é máis que o heroe da vila de Arzúa, unha especie de deus pagá e a figura principal da Festa dos Botes. Na súa procesión polas rúas do concello contaremos co acompañamento do grupo de música tradicional Os Amighos de túa Prima, os cales son capaces de combinar a perfección as nosas músicas de sempre cun toque xuvenil e moderno. O percorrido de Cutinocho abre o tradicional Xogo da Moca ás 22:15 horas, unha especia de Xogo da Oca no cal as casillas corresponden cos diferentes bares da vila, unha maneira de poder xuntar á perfección o divertimento da xuventude cun total apoio á hostalaría arzuá. Porén, O Xogo da Moca trae novidades moi importante este ano como é a AP-9 de Cutinocho, ademais hai que ter en conta que a Charanga BB+, Os Rebotes e Os Amighos de túa Prima darán o toque musical a esta actividade tan peculiar.
Pero sen dúbida o día máis relevante da nosa festa é o sábado 14 de setembro. Este comeza ás 13:00 horas cunha sesión cargada de diversión da man de Pájara Boba, combinando a súa faceta de DJ con cancións coñecidas por todas, desde Ana Kiro até A Roda. Como queremos que os Botes sigan a contar con vitalidade, pensamos que é fundamental desenvolver actividades para as cativas arzuás que son o futuro do pobo e da festa; é por iso que a partir das 17:00 horas contaremos con xogos infantís, dous obradoiros e unha colchoneta inchable, por suposto de balde ao igual que o resto de actividades da festa. E mentres as cativas da casa xogan e están coidadas por monitoras, o resto da veciñanza pode acudir á pinchada da DJ Bold G ás 18:00 horas que estamos certas que nos axudará a coller forzas para o tradicional Lanzamento de Pucheiros,
ás 19:30 horas, tentando por parellas que estes recipientes de barro consigan voar o máis alto posible. Unha actividade que é das que conta con máis presenza ao longo da festa, posto que consegue xuntar no mesmo espazo a toda a veciñanza de Arzúa. E cos Pucheiros xa rotos e estalados darase comezo ás diferentes actuación musicais que amenizarán a noite de sábado, empezando ás 20:15 horas DJ Mil, moi coñecido no panorama musical galega, en boa medida por ser mestres de moitas das DJ ́s que están soando nos festivais máis importante dos país.
Publicidade
Ás 22:35 horas Lontreira poranos a bailar de seguro a todas, convertendo a praza da vila no seu propio “Campo da Festa”. Terbutalina, ás 00:00 horas, volta a actuar na Festa dos Botes, enchendo todos os seus concertos desde a última vez que actuaron en Arzúa. Despois do subidón que deixarán este grupo de mozos, teremos á 1:15 horas ao dúo de DJ ́s de Cernadas e Meu Cariño. E para rematar a noite do sábado continuaremos coas sesión dobres de DJ ́s ás 2:55 horas con Mahía e BB.Wav.
Isto só é unha pequena mostra do que será a 41ª edición da Festa dos Botes. Mais se a queredes coñecer máis á perfección animámosvos a que acudades a Arzúa do 13 ao 15 de setembro. Agardámosvos!!!"
Comments