O alcalde presidiu o xantar no que concelleiros do PP e do BNG, compañeiros e excompañeiros celebraron a xubilación dos dous funcionarios
Laura Moure/O Pino
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, membros da Corporación e traballadores municipais organizaron un xantar para celebrar a xubilación de (Chelo) Grille e Delfín Mosteiro, dúas persoas que dedicaron máis de trinta anos da súa vida ao servizo público.
Delfín Mosteiro comezou a traballar como conserxe no Concello do Pino no ano 1986, asumindo diferentes responsabilidades ata que a principios de 2024 se xubilou como auxiliar administrativo. Dende entón dedica o tempo libre á familia, ás amizades e a pasear.
Chelo Grille chegou ao Concello de O Pino en 1992, despois de traballar en Mazaricos. Foi a responsable de levar a contabilidade no Pino, entre outras funcións, ata que se xubilou a finais do mes de febreiro. Nestes 33 anos sempre estivo manexando programas informáticos. Agora poderá dedicar máis tempo a estar coa familiar, “pasear, coidar o xardín e ler”.

No xantar, celebrado recentemente no restaurante Regueiro de Arca, Chelo e Delfín compartiron moitas anécdotas coas 25 persoas coas que degustaron un bo cocido. Entre os asistentes, ademais do alcalde Manuel Taboada, estaban todos os concelleiros e concelleiras do equipo de goberno popular (José Manuel Carreira, Gerardo Pintor, Eva Varela, Mercedes Vázquez, José Fuentes e Borja Castro) e do BNG (Luis Vidal e Consuelo Abel); a secretaria municipal, Ángela Viqueira; a exsecretaria do Concello, Ana Otero; así como funcionarios e traballadores municipais, ademais doutras persoas que compartiron traballo cos homenaxeados como José Manuel Roibás, Alejandro Taboada, Juan Martínez e Iván Sanmartín.
Publicidade
Xa na sobremesa, o alcalde entregoulles unha placa na que o Concello do Pino, a súa Corporación e os seus funcionarios agradecen tanto a Chelo como a Delfin “o seu traballo, compromiso e dedicación en todos estes anos”. Na inscrición tamén se fai constancia a que o traballo dos dous “deixou unha pegada indeleble tanto na institución como nos compañeiros e nas compañeiras” que tiveron a sorte de traballar ao seu carón.
Publicidade
Ademais da placa institucional, os asistentes regaláronlles un peregrino de Sargadelos, como alusión ao Camiño de Santiago. A Chelo Grille tamén lle deron un e-book e un vale de libros electrónicos (ler é unha das súas paixóns) e a Delfín Mosteiro agasallárono cun reloxo.
Commenti