Esta tarde levarase a cabo un cribado no centro de saúde de Vila de Cruces
Laura Moure
MARTES 9 FEBREIRO
Fonte: Ecos da Comarca
Continuamos informando sobre os casos de coronavirus nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, martes 9, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou en algúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento. En xeral está habendo un descenso ou as cifras estanse mantendo, pero hai que seguir tomando todas as precaucións.
Na comarca arzuana, Arzúa pasa de 71 a 69; no Pino e en Touro a cifra mantense con 34 e 13 respectivamente e Boimorto segue cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Cabe lembrar que en Arzúa se vai levar a cabo un cribado este xoves e venres no centro de saúde da localidade. Está dirixido a 960 veciños de entre 30 e 49 anos que serán citados por mensaxe.
Na comarca dezana, Dozón e Rodeiro seguen cunha taxa de entre 1 e 9. Hai un lixeiro descenso en Lalín que pasa de 90 a 86 e en Agolada a baixa é máis pronunciada xa que descende de 25 a 15, con respecto a onte, segundo como informa o concelleiro de Sanidade, Marcos Galego. En Silleda tamén son menos os casos e contabiliza 85, tal e como sinala o Concello, o que supón sete menos ca fai 24 horas. Pola contra, en Vila de Cruces os casos aumentaron en seis e queda con 51. Esta tarde arranca un cribado no municipio cruceño que está previsto que continúe mañá, tamén no mesmo horario, de 15:40 a 19:40 horas. Realizaranse aproximadamente 960 probas e as persoas que convoquen serán avisadas tamén por mensaxe. E Lalín acollerá outro mañá en horario de tarde, que se prevé que continúe o xoves e o venres, no mesmo horario. Será no Lalín Arena e aplicaráselle a unhas 2.500 persoas de entre 31 e 50 anos que se citarán previamente a través dunha mensaxe ao seu móbil.
Na comarca Terra de Melide, na localidade melidense son dez menos os afectados con respecto a hai 24 horas e rexistra 45 e Sobrado dos Monxes, Santiso e Toques seguen entre 1 e 9, xa que non transcenderon as cifras concretas.
Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, tamén continúa entre 1 e 9 casos, Monterroso aumenta nun caso e queda con 17 e en Palas de Rei os afectados baixaron en tres tendo así 43.
Comentarios