Tódalas persoas interesadas poderán achegarse este luns, 19 de febreiro á sede de Cruz Vermella, na rúa Nuno Eanes de Cercio, nº 44
Laura Moure/Lalín
Con motivo do 10º aniversario de Cruz Vermella en Lalín, a entidade organizará unha xornada de portas abertas este luns, 19 de febreiro. Tódalas persoas interesadas poderán achegarse á sede da Institución, situada na rúa Nuno Eanes de Cercio, 44. Ó longo de toda a xornada desenvolveranse distintas actividades dirixidas á poboación xeral, como obradoiros de memoria ou ioga darisa, entre outros. Ademais, habilitarase un punto de información sobre os diferentes proxectos que a entidade leva a cabo na zona e ofrecerase un visionado continuo de fotos do traballo que Cruz Vermella realizou en Lalín todos estes anos.
Publicidade
Por outra parte, contaremos cunha das ambulancias da Cruz Vermella que poderá ser visitada polos distintos centros escolares e asociacións coa finalidade de dar a coñecer
tamén entre a cativada as accións e a filosofía da Organización, baseada nos sete principios fundamentais: humanidade, independencia, neutralidade, imparcialidade,
carácter voluntario, unidade e universalidade.
Publicidade
Cruz Vermella inaugurou a Asemblea Local de Lalín o 11 de febreiro do 2014 no Complexo Deportivo Lalín Arena, grazas a la colaboración do Concello de Lalín que cedeu este espazo, co obxectivo de atender as necesidades das persoas máis vulnerables da zona e crear un espazo de convivencia, solidariedade e inclusión. Dende entón, realizáronse accións concretas no ámbito local para reforzar esa proximidade coas persoas nos momentos nos que atravesan unha difícil situación.
Actualmente, Cruz Vermella ofrece en Lalín proxectos destinados a persoas maiores, infancia e mocidade, inmigrantes, persoas desempregadas ou persoas nunha situación de extrema vulnerabilidade; con servizos de teleasistencia, promoción do envellecemento saudable, talleres de estimulación de memoria e paseos saudables, apoio escolar, campañas específicas en centros escolares ou obradoiros de Primeiros Auxilios, entre outros. O desenvolvemento de toda esta actividade é posible grazas ao inestimable labor que desempeñan o voluntariado da Organización, as persoas socias e as empresas. A institución conta con 57 persoas voluntarias na localidade, con 460 socios e socias e con 11 empresas colaboradoras. Só no último ano atendéronse na vila a 916 persoas.
Comments