Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa botou a andar o pasado venres unha nova edición da programación Primavera de cultura que se estenderá ata finais de maio con propostas para todos os públicos centradas especialmente no fomento da lectura e das Letras Galegas.

Despois da exitosa presentación do libro A capital do mundo do coñecido escritor Xavier Alcalá, a programación continúa este venres, 28 de marzo, cunha nova entrega do programa As parroquias contan que chegará ao local social de Lema cunha sesión para todos os públicos a cargo de María da Pontragha e unha posterior chocolatada popular para todas as persoas asistentes. A actividade comezará ás 20:30 horas e a entrada será libre e de balde.
A programación seguirá en abril con actos centrados en fomentar a lectura comezando pola conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil que contará o venres 4 con obradoiros nos centros educativos de infantil e primaria e cunha sesión de contacontos titulada O fantástico carro dos sonos a cargo de Juste Kamishibai na biblioteca municipal ás 18:00 horas.
O sábado 12 Bruno Lernout presentará os seus libros Vivir y aprender e Rectificar es de sabios nun acto que terá lugar na Capela da Madanela a mediodía. O autor aproveitará para abrir unha mostra de fotografía que se poderá visitar nas semanas seguintes.
O Día do Libro, que se celebrará o mércores 23 de abril, o Departamento de Cultura promoverá de novo a campaña Arzúa conta coa entrega dun agasallo con cada préstamo na biblioteca municipal ou con cada merca dun libro nas librarías locais.
Publicidade
Para rematar o mes de abril, o venres 25 levarase a cabo unha sesión de cine clásico despois do éxito que tivo a realizada no pasado mes de xaneiro. Nesta ocasión proxectarase o filme Desayuno con diamantes na Casa de Correos ás 20:30 horas. Para participar será necesario anotarse previamente a partir do día 22 de abril.
A programación Primavera de cultura terá continuidade no mes de maio con varios eventos centrados especialmente na conmemoración do Día das Letras Galegas. O concelleiro de cultura, José Luís García, destaca ter artellado unha programación “para fomentar a lectura e o coñecemento das nosas Letras cun amplo abano de posibilidades para todos os públicos”.
Commentaires