top of page
Foto del escritorLaura Moure

Conde destaca que Altri será un polo dinamizador da economía local de Palas e da provincia de Lugo

Avanza que a Xunta xa solicitou formalmente por carta unha reunión coa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, para identificar os instrumentos de apoio e financiamento no marco dos fondos europeos


Laura Moure/Palas de Rei

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, salientou hoxe que a fábrica de fibras téxtiles que Altri prevé implantar en Palas de Rei vai ser un polo dinamizador da economía local e de toda a provincia luguesa.

Conde mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde deste municipio, Pablo Taboada, para avaliar as repercusións deste proxecto “de espírito e alcance europeo desde a comarca da Ulloa”. Segundo dixo, o impacto será moi positivo, en primeiro lugar, polo emprego directo e inducido que vai xerar. Tamén porque vai incrementar a demanda non só de materia prima, senón de toda unha industria loxística complementaria. E, en terceiro lugar, porque a implantación desta factoría conduce tamén ao establecemento de novas empresas de produtos e servizos.

O vicepresidente económico en funcións, avanzou que a Xunta xa solicitou formalmente por carta unha reunión coa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, para identificar os instrumentos de apoio e financiamento que, dentro dos fondos europeos, poden contribuír ao desenvolvemento deste proxecto. Do mesmo xeito, a Administración autonómica tamén se puxo en contacto coa vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Ao respecto, manifestou o seu desexo de que o Goberno teña a mesma confianza nesta iniciativa que a que a Xunta e a Sociedade Impulsa lle trasladaron a Altri para que apostase por implantarse en Galicia. Segundo dixo, Altri elixiu Galicia polo seu marco administrativo favorable e garantista que asegura o cumprimento dos prazos, posto que ao ser considerado como proxecto industrial estratéxico ten garantida a axilidade na tramitación.

Neste sentido, avogou polo traballo conxunto de todas as administracións; de feito, lembrou que Palas de Rei é Concello Emprendedor. E, neste contexto, expresou a importancia de ir da man do sector para defender este proxecto de interese común.


Pola súa banda, o mandatario palense amosou a súa satisfación polo asentamento de Altri en Palas de Rei e destaca que o “complexo industrial de Altri en Palas de Rei, conleva non só a xeración de novos postos de traballo e á construción de novas instalacións, senón tamén a unha nova estrutura empresarial no municipio palense e sobre todo na provincia de Lugo”.


NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page