top of page
Foto del escritorLaura Moure

Comezan hoxe as obras de reforma e posta en valor da Rúa do Convento en Melide

Inclúen a renovación de pavimentos, a reordenación do tráfico ou a mellora de acceso peonil


Laura Moure/Melide

As obras para a reforma e posta en valor da melidá Rúa do Convento darán inicio hoxe, luns, 20 de xaneiro. Os traballos desenvolveranse durante seis meses e permitirán que este emblemático espazo histórico melidense, atravesado polo Camiño de Santiago, mellore non só o seu aspecto senón a súa accesibilidade.


As obras seguirán os mesmos criterios formais seguidos para a reforma da Avenida de Lugo e do Cantón de San Roque, como son a rexeneración ambiental, a humanización do espazo urbano, o acondicionamento do Camiño de Santiago ao paso polo tramo urbano, a ordenación do tráfico e a mellora da experiencia peonil. Entre as accións a levar a cabo, o proxecto de obra contempla a renovación de pavimentos e da rede de saneamento, así como a subministración de auga, ademais dunha canalización común para as instalacións de subministración eléctrica, alumeado e telecomunicación. Igualmente, as obras permitirán unha mellora e adecuación do mobiliario urbano e do axardinado.

No ámbito concreto da Rúa do Convento, os traballos ampliarán a beirarrúa cara á AC-840, situando como elemento de atracción o punto de cruzamento da fonte. O pavimento unificarase con lousa de pedra.


Desde o cruce coa rúa San Pedro e en dirección á Praza do Convento, reducirase e ordenarase o espazo de estacionamento e carga e descarga, de forma que a vía sexa de tráfico compartido entre peóns e vehículos con prioridade peonil. Haberá un punto de acceso e de saída para tráfico de persoas residentes e de tipo comercial. Co obxectivo de contextualizar xeográfica e historicamente o lugar, situarase un elemento de sinalización e información que explique a entrada do Camiño de Santiago no casco histórico de Melide no inicio da rúa San Pedro.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por último, rexenerarase o axardinamento, mantendo as especies vexetais de interese coma o magnolio e introducindo novas especies ornamentais dispostas para ordenar o tráfico. Xunto cos parterres introduciranse bancos na vía.


Servizos urbanos

As obras permitirán levar a cabo unha nova rede que separe saneamento e augas pluviais, conforme coa normativa actualmente vixente. Por outra banda, o soterramento da subministración eléctrica e o cableado da iluminación pública e as telecomunicacións porá en valor o trazado urbano e a arquitectura tradicional.


Con esta obra, o Concello prosegue coas intervencións urbanísticas destinadas á posta en valor do espazo histórico e urbano e á progresiva humanización da zona histórica melidá.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page