Comeza o Programa Anduriña en Silleda
- Laura Moure
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
Esta iniciativa deu comezo na Casa da Xuventude de Silleda cun taller de español impartido por persoal do Plan Municipal de Voluntariado.
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través do departamento de Benestar que dirixe Ángela Troitiño, retoma o programa Anduriña, unha iniciativa de alfabetización e inserción sociocultural para a poboación inmigrante que vive no municipio. Este martes 22 de abril deu comezo este programa na Casa da Xuventude de Silleda cunha primeira sesión de clases de español na que participaron 7 persoas de diferentes nacionalidades: ucranianas, marroquís e palestinas.

A alcaldesa Paula Fernández acudiu ata alí acompañada da concelleira de Igualdade e Benestar, Ángela Troitiño, para saudar ás persoas participantes e coñecer de primeira man o desenvolvemento desta actividade. As sesións son impartidas por persoas voluntarias inscritas no Plan Municipal de Voluntariado do Concello de Silleda. Neste caso, o taller de español está dirixido por Carmen Castro.
Publicidade
O xoves retomaranse as clases cos talleres de lingua galega pola mañá, de 20:00 a 12:00 horas para adultos e iniciaranse as aulas de galego para nenos e nenas, dividíndose en dous grupos: os xoves de 19:15 a 20:15 e os venres de 19:30 a 20:30 horas. Estas sesións realízanse tamén en colaboración cos centros educativos do municipio a través da derivación do alumnado.
Publicidade
As clases impartiranse ata o mes de xuño e son totalmente gratuítas. Para inscribirse é preciso dirixirse ao departamento de Benestar ou chamar ao 986 59 20 37. Dende o departamento de Benestar, Ángela Troitiño agradece a colaboración das persoas voluntarias que participan nesta iniciativa, así como dos centros educativos.
Comments