É unha iniciativa destinada á mellora da inserción laboral de 100 persoas
Laura Moure/Silleda
COGAMI pon en marcha o Programa Integrado de Emprego 2024-2025, unha iniciativa destinada á mellora da inserción laboral de 100 persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual que deben estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. Financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Traballo e Economía Social, o programa desenvolvérase, por un período de 12 meses, nas provincias de A Coruña e Pontevedra. Entre os obxectivos desta iniciativa destaca a inserción laboral do 40% das persoas participantes, mellorando as súa empregabilidade e facilitando o acceso ao mercado laboral.
Requisitos
As persoas interesadas en formar parte do programa deben cumprir requisitos como: contar cun certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual, atoparse en situación de desemprego e estar inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas interesadas en participar poden facelo contactando coas oficinas de COGAMI en A Coruña: 981 112 305; Santiago de Compostela: 981 574 698; Pontevedra: 986 863 709 e Vigo: 986 281 893.
Metodoloxía e aspectos innovadores
O Programa Integrado de Emprego inclúe actividades como a avaliación e orientación personalizada, obradoiros de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego, así como talleres de entrevistas, habilidades sociolaborais e sobre mobilidade laboral. Ademais, ofrécense formacións adaptadas aos perfís seleccionados e prácticas profesionais en empresas locais.
Publicidade
Unha das principais innovacións do programa é o fomento do uso de novas tecnoloxías e redes sociais para facilitar a comunicación e a aprendizaxe, contando cunha aula de informática dispoñible para as persoas participantes. Ademais, realízase unha interacción constante co tecido empresarial galego e ofrécese asesoría xurídica para resolver consultas relacionadas co emprego. Toda a metodoloxía está adaptada ás necesidades específicas das persoas participantes.
Beneficios adicionais
O programa conta cunha bolsa de 10 euros diarios por asistencia ás diferentes accións previstas e con medidas de conciliación para permitir a asistencia a cada unha das accións que se desenvolven. Dentro da filosofía de mellora continua, ofreceranse cuestionarios de satisfacción de todas as accións que se realizan para que as persoas usuarias aporten a súa opinión sobre o desenvolvemento do programa.
Publicidade
Con esta iniciativa, COGAMI reafirma o seu compromiso coa inclusión laboral e o apoio ás persoas con discapacidade en Galicia, contribuíndo á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Comments