Comezará o vindeiro curso e CLUN acollerá a doce alumnos, que se formarán nas súas ganderías socias e co seu equipo veterinario
Laura Moure/Melide
Da colaboración entre o IES de Melide e CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace a modalidade dual do Ciclo Superior de FP de “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”, o primeiro destas características no ensino público da nosa comunidade. Este venres presentouse no centro educativo, coa asistencia da secretaria xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.
A matrícula para este novo ciclo está dispoñible desde o 23 de xuño ata o 15 de xullo. A Cooperativa CLUN asume o compromiso de acoller ata a doce alumnos nas etapas de formación en prácticas en ganderías socias e tamén aportando coñecemento a través do seu equipo veterinario.
Na súa intervención, Eugenia Pérez salientou que “o Plan Conecta da FP de Galicia procura que a oferta de Formación Profesional se adapte ás necesidades do mercado e tamén no rural. Así, produciuse un incremento da oferta do 10% da oferta de formación que ten como obxectivo dar á actividade do rural profesionais que o fagan seguir desenvolvéndose”.
Pola súa parte, a directora do IES de Melide, Ana Villar, manifestou que “conseguir que este FP Dual poidese ter cabida nun centro público como o IES de Melide é resultado de dous anos de traballo e reunións e a colaboración da cooperativa CLUN, completamente imprescindible para impartir este ciclo”. Indicou que “o que máis nos determinou a apostar por esta formación foi unha reunión que tivemos con gandeiros, que se amosaron dispostos a acoller alumnado e cun enorme interese en que este ciclo saíse adiante”.
Necesidade de man de obra
Tal como puxo de relevo Pablo Costoya, secretario do Consello Reitor de CLUN, atopar man de obra estable e cualificada é xa a maior dificultade coa que se encontran as ganderías familiares de camiño á profesionalización.
CLUN detecta que esta é a principal preocupación, xunto á necesidade de investimento en modernización e ampliación das instalacións. Para dar resposta a esta necesidade, a Cooperativa busca a través da formación camiñar cara a unha gandería galega cun maior tecido humano profesionalizado dispoñible”.
O 13% das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio, con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie; e outro 7% de explotacións grandes de máis de 160 vacas en muxido e 68 hectáreas de superficie agraria útil. “Este tipo de ganderías son as que demandan máis persoal, co obxectivo de garantir a conciliación e dispor dalgún tempo propio que permita mellorar a calidade de vida e, noutros casos, para manter a estrutura laboral que precisan estas explotacións e conseguir así que sexan viables e máis competitivas” -destacou Costoya-.
O éxito da Formación Dual
A modalidade dual non chegara aínda a este Ciclo Superior, así que supón unha novidade para o curso 2023/2024. Incorporarase en só dous centros en Galicia: o IES de Melide e o CEFA de Sergude.
A Formación Profesional aumentou un 24,4% desde o curso 2016/17 en España. Con todo, a media europea é dun 41% de titulados en FP, mentres que no conxunto de España se sitúa nun 36%. En particular, a formación dual está a ter moi boa acollida, alcanzando en 2021 o 3,8% de todos os graduados en Formación Profesional, ao tempo que segue a medrar tanto a oferta de ciclos como o número de alumnos matriculados nesta modalidade.
CLUN, cooperativa de gandeiros profesionais
CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) conta con máis de 2500 socios en toda Galicia, con sedes en Melide, Ames e Ribadeo. Ademais de cooperativa láctea e transformación de leite e comercialización coas marcas FEIRACO, ÚNICLA e CLESA, é tamén unha cooperativa agraria. A súa división agrogandeira aporta o 50% do negocio á organización. Entre os servizos agrarios que ofrece destacan os veterinarios e agronómicos, o asesoramento técnico-económico a socios, o servizo de subministración, así como a alimentación animal.
Σχόλια