top of page
Foto del escritorLaura Moure

Centos de fieis asisten ao Santuario de Santa Columba das Pías, en Sobrado dos Monxes

A xente acudiu á festividade en coche, a pé ou a cabalo e fixo diferentes ofrendas


Laura Moure/Sobrado dos Monxes

O Santuario de Santa Columba das Pías, situado no municipio de Sobrado dos Monxes, acolleu este domingo a centos de fieis. Para moitos esta xa é unha data marcada no calendario que non queren perderse.

A saída da Virxe hoxe en procesión. Autora: Chus Moure.

Como de costume houbo misas ao longo da mañá e os fieis chegaron en coche, a cabalo ou a pé. Ao entrar na igrexa o sacristán ía pasando a Virxe ao redor de cada fiel. A misa da unha foi cantada e a Santa saíu en procesión ao redor do cruceiro e da igrexa. Despois a imaxe sitouse na porta principal do templo para que os fieis pasasen por debaixo dela.


"Eu xa tiña oído falar desta Virxe por uns familiares que son moi devotos. Eu antes vivía no País Vasco e agora volvín a miña terra. Hoxe quixen vir para agradecerlle, que tras sufrir unha desgraza, xa que nos ardeu a casa, só houbo danos materias, porque por sorte non estabamos ninguén na vivenda. A verdade que a misa emocionoume moito", sinala unha veciña de Melide.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Outro dos lugares que non pode deixar de visitarse deste Santuario é a Fonte Santa onde a xente bebe a "auga milagreira", lávanse con ela e incluso, recóllena en botellas para levar para casa. "Eu sempre a levo para a casa. Xa son uns 15 anos vindo a esta festividade. Foron uns familiares que nos falaron deste Santuario para que trouxera a miña nai que tiña problemas de pel nas pernas. Estas melloraron e desde aquela teño unha gran devoción por esta Santa. Cando teño algún problema sempre lle pido axuda. Teño unha gran fé nela", cóntanos unha agoladesa que hoxe non perdeu a festividade.


Distintos postos

Tamén houbo tempo para prender velas e facer distintas ofrendas. Ademais, moitos aproveitaron a ocasión para mercar cereixas e rosquillas dos máis variados sabores: de anís, limón... que despachaban os postos que acudiron á cita.


A xornada festiva continuou despois das misas, xa que moitos aproveitan para comer no lugar e o ritmo marcouno o dúo Charada.


Para aqueles que non puideron acudir hoxe ás misas, o párroco sinalou que nos meses de xullo e agosto haberaa todos os días ás oito da tarde.

Distintos momentos da celebración de hoxe. Autora: Chus Moure.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page