Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre as Aldeas de Nadal desta localidade
Antón Branco Vilariño/Lalín
Artigo de opinión
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre as Aldeas de Nadal desta localidade.
BUSCANDO A FANGIO
"Xusto antes do Nadal, tomando un café, a persoa coa que estaba díxome: “As Aldeas de Nadal son un Ferrari, pero conducidas por alguén que non sabe o que ten entre mans”. Nese día quedeime coa opinión, mesurada e incisiva, mais pillábame a contrapé por unha fartura que levo acumulando tempo: a crítica, porque si, a todo o que veña do goberno local do PP (precisamente así actuou este partido co goberno de coalición progresista entre 2015 e 2019). Ben por manter o pulso opositor, ben por animadversión persoal ou polo que sexa, hai persoas que, pase o pase, todo o ven mal se soa a Partido Popular. A miña opinión é que as ideas son boas ou malas por elas mesmas non dependendo de quen as teña, financie ou ampare e é perigoso aceptar que o problema é o quen, por defecto, e non o que. Iso si, a min o das Aldeas de Nadal paréceme unha idea xenial, e creo que os novos engadidos (escaparates máxicos, Free Tours,...) manteñen o nivel.
Ás veces un escribe porque non atopa a conversa axeitada. Esta idea xa a expresou, moito mellor ca min, Carmen Martín Gaite no seu ensaio Desde la ventana: “Escribir es conversar. Es un sucedáneo de la conversación. Quien escribe lo hace porque no encuentra un interlocutor, alguien con quien poder hablar bien, con pausa, con tiempo, con plazo narrativo”. Esta idea grandilocuente pode servir tanto de reflexión oportuna como de presentación dun interese desmedido pola atención. Sen auditorio non hai mensaxe e para conseguilo hai que saber narrar. Un dos mestres contacontos é Rodrigo Sorogoyen, director de cine. Na súa última creación, a miniserie Los Años Nuevos, fálanos sobre as relacións de parella dunha xeración (e dentro desta, a un grupo humano ben diferenciado en gustos e aspiracións) ao longo da última década. Gústame Sorogoyen porque é quen de colocarse no centro, alí onde caen as frechas de todos os descontentos, dende onde se pode divisar ao balbordo ao completo.
Publicidade
Pasado o Nadal, manteño a opinión que tiña as Aldeas. Co tempo foronse convertendo nun reclamo turístico e de ocio, nun pulo económico e van servindo de escaparate cultural. Iso si, co paso dos días, fun virando, en sensacións, cara aquel argumento que me deran no café prenatalicio e cheguei a catro eivas subsanables. A planificación do evento, cando algo non está ben preparado vese como os pormenores imprevistos saltan e se van acumulando na pía do desconcerto dando unha imaxe negativa. A relación cos demais actores, as chamadas á orde de última hora ao comercio e á hostalaría serven de indicio para ver non se contou con estes dous sectores na organización, semella que todo foi xurdindo in situ a medida que os días ían pasando. A transparencia na xestión, é saudable saber as contas deste tipo de celebracións porque a cidadanía ten dereito a sumar, comparar e analizar a onde van os cartos públicos, se son moitos ou poucos ou se, incluso, compensa o gasto. E a vista a longo prazo, os acontecementos relevantes deben ofrecer seguridade a quen soporta o seu peso e deben fomentar a participación de colectivos implicados.
Hai conversas complicadas que é bo manter antes de que todo vaia a peor. Para telas é necesario saír dun mesmo, recoñecer que atinamos e nos equivocamos tanto uns coma outros. Fuxir do incómodo ou impoñer os vaivéns dunha parte como dinámica relacional, como fan, ás veces, Óscar e Ana, protagonistas de Los Años Nuevos, non son bos compañeiros de viaxe. O interesante, para min, na conversa é o acordo, a certeza de que, aínda na discordia, o camiño en común é posible. Creo na razón vital de que todo é mellorable e pode saír ben, máis aínda se sabemos que temos un Ferrari e quen o pilota non".
Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
Comments