top of page
Foto del escritorLaura Moure

Belén Liste Lázara, homenaxeada en Silleda no programa ( IN)VISIBLES de novembro

Destaca polo seu legado na igualdade e no servizo público


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda continúa coa súa iniciativa (IN)VISIBLES: Doce Meses, Doce

Mulleres, un programa que busca recoñecer a pegada e o legado das mulleres silledenses na nosa sociedade. Este mes de novembro, a homenaxeada é Belén Liste Lázara, unha profesional comprometida coa igualdade e co servizo público.


Nacida e criada en Silleda, Belén Liste é filla de Fernando Liste e Marisa Lázara, e forma parte dunha familia de cinco irmáns. Aínda que reside no Concello de Teo, a súa conexión coa vila continúa sendo forte, dado que parte da súa familia vive aínda en Silleda. Licenciada en Historia, con especialización en Prehistoria e Arqueoloxía, participou en campañas arqueolóxicas por toda Galicia, incluíndo escavacións no propio municipio.

A súa carreira profesional evolucionou cara ao servizo público, accedendo ao corpo superior da Xunta de Galicia en 1993. Nos últimos 30 anos, desempeñou diversos postos de responsabilidade, destacando o seu labor como subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero durante 17 anos. Dende este posto pioneiro, Liste traballou no deseño e desenvolvemento de políticas públicas a nivel nacional e internacional para a promoción da igualdade e a erradicación da violencia contra as mulleres. Colaborou con diferentes organismos públicos, colexios profesionais, asociacións e persoas do ámbito social, educativo ou xudicial, participando na creación de protocolos de intervención e en

campañas de sensibilización e formación ofrecendo apoio directo ás mulleres e ás súas familias. O obxectivo sempre foi fortalecer a resposta institucional fronte á violencia de xénero dende a Administración galega.


Neste eido, Belén Liste tamén exerceu como presidenta da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista durante 10 anos. Actualmente, Belén Liste é subdirectora xeral de Emprego, na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, onde continúa coa súa vocación de servizo público, enfocándose no apoio a persoas autónomas e empresas, moitas delas lideradas por mulleres emprendedoras.


Publicidade

En toda a súa traxectoria tivo sempre presente o significado da palabra Administración: Ad Ministrare=Para servir. Unha orientación á cidadanía que define o seu compromiso público.


Lectura do manifiesto no 25N

Con esta distinción, o Concello de Silleda quere poñer en valor a traxectoria profesional e humana de Belén Liste Lázara, destacando o seu compromiso coa igualdade, a loita polos dereitos das mulleres e a mellora da calidade de vida da cidadanía. A súa historia vital é un exemplo de dedicación, traballo e vocación de servizo.


Coincidindo este mes co 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, tamén se decidiu que a homenaxeada no programa (IN)VISIBLES: Doce Meses, Doce Mulleres de novembro sexa a encargada de ler o manifesto institucional o vindeiro luns no acto que se celebrará ás 20:00 horas na praza Siñor Afranio.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page