Visitou a granxa Lobeiro que foi beneficiaria delas
Laura Moure/Melide
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou a Gandería Lobeiro de Melide, unha explotación centrada no ganado vacún de leite e na crianza de porcos de ceba. A delegada puxo esta granxa como exemplo do futuro do rural con profesionais que apostan pola modernización e ampliación das súas explotacións ano tras ano.
Neste sentido, a representante do Goberno autonómico indicou que este tipo de proxectos fomenta a dinamización do rural e a fixación de poboación, sen descoidar a innovación, xa que a granxa recibiu varias ordes de axuda nos últimos anos.
Neste contexto, a delegada destacou que precisamente o titular desta gandería beneficiouse das axudas de Medio Rural para incorporación de mozos que lle permitiu a contratación dunha persoa e a cubrición dunha fosa de xurro. Neste senso, Belén do Campo apuntou que en Galicia beneficiáronse destas axudas, o ano pasado, 320 mozos e mozas menores de 40 anos dos cales 90 foron da provincia da Coruña. Ademais, recibiron outra axuda do plan de mellora para subvencionar un establo completo vacún de leite e esterqueira. Estas axudas foron concedidas no 2023 e o prazo para executalas remata en xuño deste ano.

A representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor as subvencións aprobadas no 2024. Por unha banda esta gandería contou cun apoio da orde investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias para instalar engrellado, unha plataforma formigón / soleira, un silo de penso, un tanque refrixerante, un robot de muxido, un robot arrimador de comida, ventiladores (4), arrobadeiras para a nave antiga (2), un grupo electróxeno e unha amamantadora. Finalmente, tamén ten aprobado outra axuda, no 2024, para investimentos produtivos que contribúen á mitigación – adaptación ao cambio climático para construír unha fosa de xurro cuberta.
Neste sentido, Do Campo subliñou que desde A Xunta “apostamos por ganderías en primeiro lugar produtivas, economicamente sustentables, pero tamén mediambientalmente sostibles e acordes ás novas políticas que se veñen implantando dende a Unión Europea”.
A delegada recalcou que “mediante estas axudas se facilita tamén o compromiso ambiental da nova PAC, ao tempo que se continúa apoiando as explotacións á hora de financiar todo tipo de investimentos”.
Nova PAC
Na visita a representante do Goberno autonómico subliñou que “este é o rural que queremos e polo que apostamos dende a Xunta”, lembrando que se ven de abrir a nova convocatoria de axudas da PAC para este ano 2025, dotada con 224 millóns de euros para beneficiar a uns 23.000 agricultores e gandeiros. Belén do Campo sinalou que “son achegas que forman parte do noso intenso traballo e compromiso por un rural vivo, dinámico e con futuro”.
Cabe sinalar que as axudas da PAC son esenciais para o mantemento da actividade agrícola e gandeira, a rendibilidade económica das explotacións e o mantemento de poboación no medio rural. O obxectivo final destas achegas é manter o sector agrícola europeo, de xeito que se compensa ás persoas que traballan no agro polos servizos ambientais que proporcionan, a calidade das súas producións e as esixencias lexislativas de máximo nivel impostas pola Unión Europea a prol da sustentabilidade. A PAC contempla axudas directas que inclúen, entre outras, as axudas básicas á renda para a sustentabilidade. Neste sentido, salientou que estas achegas contribúen a apoiar unha renda agrícola viable e a resiliencia do sector agrícola, co fin de mellorar a seguridade alimentaria a longo prazo e a diversidade agrícola, así como garantir a sustentabilidade económica destas producións. As achegas directas contemplan tamén os ecorreximes -prácticas voluntarias que levan a cabo os agricultores para impulsar o rendemento ambiental e climático relativo á PAC-, xunto coas achegas asociadas á produción.
Publicidade
Cómpre salientar que as axudas directas teñen carácter extraorzamentario e o seu importe dependerá das solicitudes presentadas en función dos límites establecidos a nivel nacional, unha vez coñecidas todas as solicitudes aprobadas. Na última campaña aboáronse preto 180 millóns de euros, polo que se prevé que a cifra para 2025 sexa semellante, segundo explicou a delegada.
En relación coas axudas ao desenvolvemento rural, contarán cun orzamento de máis de 43 millóns de euros. O investimento distribuirase entre as axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC); os pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas procedente da medida 13 do Programa de Desenvolvemento Rural e as axudas para zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas incluídas no PEPAC.
A maior novidade desta campaña está relacionada con estas liñas que, a diferencia da campaña anterior, ademais de presentar solicitudes de pagamento no caso das axudas plurianuais de desenvolvemento rural, tamén se poderán solicitar achegas para intervencións de razas autóctonas en risco de erosión xenética, cultivos agrícolas ecolóxicos e gandaría ecolóxica. Outra novidade nesta campaña da PAC destacada pola delegada é a utilidade que vai ter a flexibilización na rotación ou diversificación de cultivos, para que os agricultores e gandeiros damnificados polas condicións meteorolóxicas non vexan minoradas as axudas.
Comments