top of page
Foto del escritorLaura Moure

ASER reivindica o papel clave das empresarias rurais na vertebración territorial e social e no desenvolvemento sostible de Galicia

No Día Internacional das Mulleres Rurais, a Asociación de Empresarias Rurais pon en valor a contribución das mulleres empresarias e profesionais na innovación e o emprendemento


Laura Moure/Xeral

Hoxe, como cada 15 de outubro, celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, co que a Asemblea das Nacións Unidas pon o foco no seu papel como axentes esenciais para conseguir os cambios económicos, ambientais e sociais necesarios para o desenvolvemento sostible. Co gallo desta data, a Asociación de Empresarias Rurais (ASER) quere facer tamén visible en Galicia a importante contribución das mulleres emprendedoras, empresarias e profesionais, que coa súa actividade fan prosperar no noso rural un tecido produtivo que é alicerce do progreso económico de Galicia e clave na súa vertebración social e territorial.

Xunta directiva de ASER. De Esq. a Dta., María del Carmen Espiñeira, Minia Varela, Brígida Hermida, Isolina Raña, Carmen Lence, Teresa Antelo, Belén Rodríguez

A actividade das mulleres empresarias do rural galego é un vector para a innovación e o emprendemento, non só para as actividades que se desenvolven sobre os nosos valores endóxenos –produción agrícola e gandeira, forestal, enerxías renovables, materias primas non agrarias, turismo, natureza, patrimonio...– e para aquelas que ofrecen produtos e servizos para as persoas ou as actividades asentadas neste territorio, senón tamén nos sectores da nova economía que se soportan en redes dixitais competitivas e que poden actuar en calquera lugar do mundo. Tanto no eido económico como no social, as mulleres rurais desenvolven un papel clave como axentes para o avance no camiño dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.


Por iso, ASER traballa para tecer redes entre as mulleres empresarias do rural galego, desenvolvendo unha actividade a prol da formación, a cooperación, a busca dunha maior visibilidade, a construción de referentes neste eido, a promoción e a busca de sinerxías para facer medrar as empresas, o impulso do emprendemento feminino, o fomento da igualdade e a conciliación, e a defensa dos seus intereses en calquera ámbito.


Publicidade

Sobre ASER

 A Asociación de Empresarias Rurais (ASER) ten como finalidade a promoción e o desenvolvemento da empresaria rural e do seu territorio. A entidade naceu en novembro de 2009, para agrupar a empresarias e profesionais pertencentes a moi diversos sectores económicos con actividade no rural galego, que comparten a necesidade de afondar na consecución duns obxectivos comúns.

0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page