Terán lugar os días 31 de maio e 1 de xuño
Laura Moure/Silleda
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 46ª edición entre os días 30 de maio e 2 de xuño, acollerá de novo as súas competicións de atletismo e xadrez, as cales xa están consolidadas no calendario destas dúas disciplinas deportivas. Así, acollerá a IX Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, organizada pola entidade feiral xunto coa Federación Galega de Atletismo e co patrocinio de Abanca.
A proba dará comezo ás 20:00 horas do 31 de maio, incluíndo o seu percorrido unha pequena parte no recinto e o resto en zonas exteriores próximas ao mesmo. Establece dúas categorías, Escolar, que inclúe Pitufos, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18; e Absoluta, con Sub 20, Sub 23, Senior, Máster A, Máster B, Máster C e Máster D. Os atletas, que poden ser federados ou non, deben inscribirse ata o 28 de maio en www.carreirasgalegas.com. O custo é de 5€ para a categoría Absoluta e gratuíta para as Escolares.
Publicidade
Por outra banda, o Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia, levará a cabo a súa quinta edición. Será o sábado 1 de xuño e contará con cinco categorías distintas, as cales serán totalmente independentes e corresponderanse con Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Absoluta. Xogarase con sistema suízo a 8 roldas mediante programa informático homologado pola Federación Internacional (4 en sesión matutina e 4 de tarde), co cal ningún xogador quedará nunca eliminado, enfrontándose en cada rolda os xogadores da mesma puntuación. Contará cun total de 2.000€ en premios e na categoría Absoluta será de novo puntuable para a clasificación internacional Elo FIDE.
Os interesados en participar no torneo, que inaugurará este ano o Circuíto Galego de Promoción, poden inscribirse no formulario oficial do evento, o cal figura en www.semanaverde.es/bases_Open_Xadrez.pdf. Poderán facelo ata o día 30 de maio ás 20.00 horas, sendo gratuíto tanto para participantes ata 16 anos como participantes con puntuación a partir de 2.200 Elo, e cun custo de 10€ para maiores de 16 anos que non conten con esa puntuación.
Publicidade
Eventos de referencia
A Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia é xa cita obrigada para multitude de persoas de toda a Comunidade, inscribíndose na pasada edición máis de 170 deportistas.
En canto ao Open de Xadrez, é un evento marcado no calendario de gran cantidade de xadrecistas. Tanto é así que na edición de 2023 contou coa participación de cinco Grandes Mestres, como foron o serbio Aleksa Strikovic, o español Gabriel del Río, o uzbeko Ibrahim Khamrakulov, o búlgaro Vladimir Petkov e o cubano Arián González.
Comentários