Xa están abertas as inscricións
Laura Moure/Arzúa
A Casa de Correos de Arzúa acolleu onte a presentación da I Marcha BTT Cicloturista Arzúa Destino Verde, organizada pola Concellería de Turismo do Concello de Arzúa liderada pola socialista Begoña Balado. A proba celebrarase o vindeiro 24 de maio e contará con dúas opcións de percorrido: unha ruta curta de 31 km e outra máis longa de 46 km.
Ao acto de presentación asistiron representantes dalgúns dos numerosos patrocinadores que colaboran no evento, entre os que destacan establecementos hostaleiros e locais de restauración. Estes ofrecerán aos participantes premios como noites de aloxamento e ceas nos seus establecementos.

Ademais, as persoas que se inscriban durante esta primeira semana —as inscricións abriron onte mesmo— participarán nun sorteo especial dunha noite de aloxamento e unha comida nun restaurante local.
As inscricións poden realizarse a través da plataforma Sportmaniacs, e os enlaces estarán dispoñibles nas redes sociais de Arzúa Turismo.
Publicidade
Segundo Begoña Balado a proba permitirá que centos de cicloturistas descubran a riqueza paisaxística e patrimonial da contorna de Arzúa, unha terra recoñecida pola elaboración dun dos queixos máis afamados de Galicia. O percorrido levará aos participantes por enclaves de gran beleza e interese cultural, como as fermosas corredoiras de Pantiñobre, a histórica capela de San Xoán de Navás ou a emblemática Fontesanta.
A organización convida a todos os amantes do deporte e a natureza a participar nesta xornada que combina aventura, gastronomía e turismo sostible.
Comments