top of page

Arzúa aproba o complemento ao Plan de Obras e Servizos (POS+) 2025, alcanzando a maior partida

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

BNG, AxA e PSOE aproban unha moción en rexeitamento ao novo proxecto de reapertura da explotación mineira de cobre de Cobre San Rafael, S.L.


Ecos da Comarca/Arzúa

O Concello de Arzúa avanzou este mércores na mellora das súas infraestruturas coa aprobación do complemento ao Plan de Obras e Servizos (POS+) 2025. Con este novo importe, a suma total destinada a investimentos municipais a través deste mecanismo de financiamento da Deputación supera o millón de euros, converténdose na maior partida de financiamento recibida ata a data a través deste programa.


O alcalde, Xoán Xesús Carril, destacou a importancia desta achega, sinalando que "supón un avance fundamental para garantir servizos de calidade e mellorar a seguridade viaria, especialmente no rural". Ademais, engadiu que "este investimento permitirá executar obras esenciais para a veciñanza, asegurando accesos mellores e un saneamento máis eficiente".

Proxectos previstos dentro do POS+ 2025

A inversión inclúe actuacións que suman un total de 355.673,30€, destinadas á mellora da calidade de vida da veciñanza de Arzúa, con especial atención ao rural. Entre os proxectos destacan:

  • Acondicionamento do Camiño a Cortobe (Burres), Capela do Viso e de Filgueira a Vilasuso

  • Mellora do Camiño de Doroña-Castañeda e da Castañeda  a N 547

  • Saneamento no Camiño da Empegada.

  • Mellora da seguridade viaria na Rúa Rego da Raña.

  • Ampliación do saneamento en Castañeda.


Outros acordos plenarios

A aprobación deste POS+ foi só unha das numerosas cuestións abordadas no plenario, entre as que tamén se incluíu a petición dunha subvención nominativa á Deputación da Coruña para financiar a 50ª edición da Festa do Queixo. O obxectivo é manter ou aumentar o financiamento logrado na 49ª edición, que por primeira vez alcanzou os 120.000 euros, fortalecendo así a viabilidade do proxecto e favorecendo a implicación doutras institucións.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Tamén contou co mesmo consenso a aprobación da proposta de ditame para a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de ampliación da explotación de gando vacún de leite a nome de Blanco Fraga, S.C. Todos os grupos da corporación coincidiron en que é necesario favorecer o crecemento e a inversión empresarial na zona para impulsar a creación de emprego e fomentar o asentamento de poboación no concello.


A mina de Cobre San Rafael

Menos consenso acadaron outras cuestións debatidas no pleno, como a aprobación da moción presentada conxuntamente polo grupo de goberno (BNG, AxA e PSOE) en rexeitamento ao novo proxecto de reapertura da explotación mineira de cobre de Cobre San Rafael, S.L. nos concellos de Touro e O Pino. "Xa que diversos estudos sinalan que o proxecto poñería en risco as explotacións gandeiras da comarca, o medioambiente e a saúde da veciñanza, nomeadamente a da veciñanza da parroquia de Dombodán, debido á proximidade da zona onde se instalaría esta industria. Neste caso, a moción saíu adiante en segunda votación, grazas ao voto de calidade do alcalde". O rexeitamento á mina foi aprobado cos votos a favor do BNG, AxA e PSOE, mentres que o PP votou en contra da prohibición do proxecto.


Do mesmo xeito, o pleno aprobou a moción presentada polo grupo municipal do BNG a prol da lingua galega, relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. Tamén foi aprobada en segunda votación, co voto favorable do BNG, AxA e PSOE, e os votos en contra do PP, saíndo adiante grazas ao voto de calidade do alcalde.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Mobilidade no Concello

A última moción en ser debatida foi a presentada polo grupo municipal do PP, relativa á mobilidade nos municipios galegos. O informe instaba ao Goberno de España a garantir a mobilidade das localidades afectadas pola nova proposta do mapa de concesións estatais en liñas de autobús, que suporía a eliminación de paradas e afectaría a 22 concellos da Galiza. A moción saíu adiante cos votos favorables do PP e do BNG, a abstención de AxA e o voto en contra do PSOE.


Compromiso coa transparencia

A sesión plenaria foi aberta a toda a veciñanza e puido ser seguida en directo a través da radio municipal pública Radio Arzúa, así como a través da web e redes sociais do ente radiofónico. Ademais, está dispoñible na páxina de Facebook de Radio Arzúa, onde se pode acceder a unha información máis detallada sobre os debates e decisións tomadas no pleno.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

ILUMINADOS

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page