top of page

Arzúa acollerá o IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da USC

As primeiras sesións celebraranse os días 14 e 15 de abril e é necesario inscribirse


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) na realización do IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores, que comeza este mes de abril baixo o título "Camiños de Coñecemento e Experiencia". O obxectivo deste proxecto da USC é democratizar o acceso á formación universitaria para persoas maiores de 50 anos, achegando coñecemento especializado e fomentando a participación activa na vida cultural e social.

As primeiras sesións celebraranse os días 14 e 15 de abril na Aula Cemit (Rúa Lugo, 45), co obradoiro sobre "Especies arbóreas da contorna", impartido pola colaboradora Blanca Fraga Cimadevila, que achegará á veciñanza coñecementos sobre a biodiversidade local. A programación continuará coas sesións sobre "Alfabetización Audiovisual e Expresión Fílmica" os días 28 e 29 de abril, dirixidas polo profesor Álvaro Dosil Rosende, quen abordará as claves da linguaxe audiovisual e cinematográfica; e coas sesións de "Historia da fotografía: unha viaxe desde a cámara escura ata a era dixital", os días 2 e 5 de maio, dirixidas pola investigadora Katia Cino Rouco, especializada no estudo histórico e pedagóxico da fotografía.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A inscrición é gratuíta e pode realizarse no Concello de Arzúa, a través do correo electrónico miguel.vallo@concellodearzua.com ou chamando ao teléfono 981 500 000.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

"Desde o Concello queremos animar á veciñanza maior de 50 anos a participar nesta iniciativa que promove o enriquecemento persoal, social e cultural", destacou Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa. Máis información estará dispoñible nas redes sociais do Concello, onde se publicarán periodicamente os detalles das distintas actividades.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page