No primeiro semestre haberá 343 actuacións escénicas e musicais en 41 concellos
Laura Moure/Lalín
A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo esta fin de semana a súa nova programación anual, que para este semestre ofrece 343 funcións de artes escénicas e musicais en 41 concellos das catro provincias. A Xunta de Galicia e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto que conta para todo 2025 cun orzamento de máis de 1,2 M€ por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.
En concreto, durante os seis primeiros meses do ano serán 115 as compañías de artes escénicas e 12 os grupos de música que actuarán nesta Rede, xestionada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte desta actividade, con máis de 300 funcións. Pola súa banda, terán lugar 26 representacións de danza, tres de maxia e 17 de circo, o que confirma o progresivo aumento da presenza desta disciplina na carteleira. No relativo á música, están programados 16 concertos. Ademais, destaca a ampla oferta para o público familiar, con 128 actuacións deste perfil.
Primeira carteleira semanal
Arteixo, Narón, Muros e Lugo son as primeiras localidades en abrir esta extensa e variada carteleira de espectáculos, pechada agora ata o vindeiro mes de xuño e que terá continuidade ata decembro trala apertura antes de xullo dun novo período de inscrición. Así, a programación arranca este venres 10 de xaneiro en Arteixo coa función de La bruja rechinadientes, da compañía salmantina Katua&Galea; e en Narón con Las bodas del Fígaro, do colectivo canario unahoramenos producciones, que representarán un segundo pase o sábado 11. Tamén o sábado, en Muros poderá verse a obra Boa sorte, mala fama, unha traxicomedia sobre a emigración de Tarabela Creativa. A actividade da primeira fin de semana de 2025 da Rede remata o domingo en Lugo con La maestra, unha proposta de monicreques para público familiar da vasca Anita Maravillas.
Nove estreas galegas
A Rede Galega de Teatros e Auditorios volve situarse como plataforma escollida polas formacións artísticas do país para inauguran diante do público as súas novas producións. No actual semestre serán nove as estreas da temporada escénica galega dentro deste circuíto, oito delas producidas co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través das subvencións á creación escénica.
A primeira estrea será a de Guerra, de Teatro do Noroeste, o 17 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago, cunha segunda función o día 18. Xa en febreiro, o venres 7 presentarase Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña; o sábado 8 será a quenda de Vitória, de Iria Pinheiro, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas e o venres 21 estréase en Tui Transeúnte, a última creación do bailarín Daniel Rodríguez que conta co apoio da Xunta a través do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego.
Xa en marzo, a Casa da Cultura do Milladoiro de Ames acolle as estreas de Dance Join, de Marta Alonso Tejada, o día 20, e Tromso, de Morraoconto, o día 21. A finais de mes, o venres 28, no Pazo da Cultura de Carballo, Paula Quintás Cía presentaralle por primeira vez ao público a súa nova creación, Aurora Boreal. A última estrea está programada para o 5 de abril, no Teatro Rosalía da Coruña, e será a da peza de danza Para que non me deixes aquí soa, de Julia Laport. Ademais, o domingo 23 de febreiro Isabel Risco presentará en Sada Nabiza Girl II.
Propostas para todos os públicos
As compañías Marta Alonso Tejada e Teatro do Noroeste tamén terán presenza na Rede cos seus espectáculos Sofá e mais Gloria nacional e As damas de Ferrol, respectivamente. Pola súa banda, Producións Teatrais Excéntricas ten programados 17 pases repartidos entre os espectáculos O auto do Castromil, As desterradas, Monstros, Mala vida e pior morte de Ricardo III e Tres vellas (na romaría), mentres que Sarabela Teatro ofrecerá outras 17 representacións entre A cincenta que non quería comer perdices, O dragón de ouro, O grande incendio e Made in Galiza.
Entre a programación da Rede destacan Un deus salvaxe, de Talía Teatro, con sete funcións; Mulleres que viven soas, de Berrobambán, Go home, de Etiqueta Negra Producciones con oito pases cada un, e os once pases de Kyoki, de Elefante Elegante. Ademais, Pedras de Cartón estará presente con dúas propostas, Moby Dick e Lázaro de Tormes; Redrum Teatro con Os contos do Lobicán, Hamelin e #2Pilgrims; Contraproducións con Entrega en man e Apaga o candil, e ButacaZero con Iribarne e O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada.
No apartado de música, Os do Fondo da Barra presentan o 25 de xaneiro en Narón Banzo, o seu traballo máis recente. Ademais, tres espectáculos musicais dirixidos a público familiar, Madame Lumière, da compañía catalá La Menuda, que chega a Lugo o 26 de xaneiro e a Vigo o 16 de febreiro; A historia de Lumecú, de Percubebés, en Pontevedra o 22 de marzo, e Uxía, que presentará o 13 de abril en Tomiño María Fumaça, cantar e bailar para ser máis feliz.
Unha rede de 18.375 butacas
Durante este primeiro semestre de 2025 serán 41 os concellos da Rede que ofrecerán programación por toda Galicia. Trátase de todos os seus membros actuais agás As Pontes de García Rodríguez, que reserva o seu programa para o segundo semestre. Incorpórase desta volta o Concello de Negreira co Auditorio Afonso Eanes do Cotón, que suma as súas 293 butacas ao total de 18.375 coas que conta o circuíto.
Publicidade
Na provincia da Coruña, a programación chegará a 23 escenarios: na cidade da Coruña o Teatro Rosalía Castro, o Fórum Metropolitano e o Centro Ágora; en Ames as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns; en Arteixo o Auditorio do Centro Cultural Manuel Murguía e en Betanzos a Aula Municipal de Cultura: Boiro, pola súa banda, programará excepcionalmente no Centro Social de Abanqueiro ata que rematen as obras na Casa da Cultura, mentres que Carballo farao no Pazo da Cultura, Cedeira no Auditorio Municipal, Cee no Auditorio da Casa da Cultura, Ferrol no Teatro Jofre, Muros no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil, Narón no Pazo da Cultura e no Auditorio Municipal, Negreira co devandito novo Auditorio Afonso Eanes do Cotón e Noia no Teatro Coliseo Noela e na Praza do Tapal. Completan a listaxe Oleiros, no Auditorio Gabriel García Márquez; Ortigueira, no Teatro da Beneficencia; Sada, na Casa da Cultura Pintor Lloréns; Santiago de Compostela, no Teatro Principal, e Vimianzo, no Auditorio da Casa da Cultura.
En canto á provincia de Lugo, as funcións da Rede programaranse en seis localizacións: a Casa da Cultura en Burela, a Sala Bahía en Foz, o Auditorio Municipal Gustavo Freire en Lugo, o Edificio Multiúsos en Monforte de Lemos, o Auditorio Municipal Hernán Naval en Ribadeo e o Teatro Pastor Díaz en Viveiro.
Na de Ourense os espazos adheridos son catro: o Centro Cultural Avenida na Rúa, o Teatro Lauro Olmo no Barco de Valdeorras, o Auditorio Manuel María no Carballiño, e o Teatro Principal en Ourense.
Na provincia de Pontevedra a programación chegará a 16 escenarios: o Teatro Principal da Estrada, o Auditorio da Xuventude e o Xardín do Pazo Torrado de Cambados, o Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar, o Salón Teatro de Lalín, o Auditorio Municipal do Grove, o Auditorio Reveriano Soutullo de Pontareas, o Teatro Principal e o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, o Multiusos da Xunqueira de Redondela, o Auditorio de Goián de Tomiño, o Teatro Municipal de Tui, a rúa do Príncipe e o Auditorio Municipal de Vigo e o Auditorio Municipal en Vilagarcía de Arousa.
Comments