Turismo de Galicia destina case 700.000 euros a obras que se realizarán nos roteiros Primitivo, do Norte, Inglés, Portugués e Francés
Ecos da Comarca/Xeral
Turismo de Galicia vén de poñer en marcha o proxecto de mellora da seguridade viaria dos peregrinos que fomentará a mobilidade sostible no Camiño de Santiago. Así, vén de sacar a concurso a redacción do trazado e construción de varios treitos en distintos roteiros. Cun custe total de 679.258,43 euros, os proxectos licitados afectan aos camiños Primitivo, do Norte, Inglés, Portugués interior e pola costa e Francés. Os expedientes de licitación están publicados na plataforma de contratación da Xunta.
Deste xeito, Turismo de Galicia aposta pola construción de sendas nas estradas de titularidade provincial, municipal e estatal fora do seu dominio público, de maneira que permitan circular en condicións de seguridade a peóns e peregrinos.
Así, do total do investimento a realizar -679.258,43 euros-, 239.368,98 euros serán para as actuacións no Camiño do Norte, 129.943,78 euros no Primitivo; 125.415,29 euros no Francés; 96.444,50 euros no Portugués e 88.085,88 no Inglés.
Publicidade
40M€ no horizonte 2027
O proxecto de mellora da seguridade viaria dos peregrinos, no que se investirán no seu conxunto 40M€ no horizonte 2027, permitirá afastar aos camiñantes e usuarios das zonas de circulación de vehículos por onde pasan as rutas xacobeas.
Así, crearanse sendas peonís en máis de 150 quilómetros dos nove camiños de Santiago por terra sobre todo, naqueles treitos comúns coa rede de estradas. A idea é evitar que as persoas peregrinas e os usuarios en xeral transiten polas zonas de circulación de vehículos, creándose sendas peonís que non interfiren nin se superpoñen aos elementos das estradas.
Publicidade
Este plan de mellora da seguridade viaria enmárcase no propósito da Xunta de Galicia por traballar na excelencia da experiencia da peregrinación, un dos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027. Búscase, ademais, ir reforzando a seguridade dos peregrinos polos distintos itinerarios. No que vai de ano, máis de 497.000 camiñantes xa recolleron a Compostelana.
Comments