Aprobado o inicio da contratación das obras de mellora viaria en Chapa
- Laura Moure
- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
O Concello de Silleda inicia os traballos de limpeza integral nas rúas dos cascos urbanos
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda iniciará nos vindeiros días o proceso de contratación das obras de mellora viaria na parroquia de Chapa. Este será o segundo dos proxectos do o plan de mellora integral de vías que se materializará este ano con cargo ao préstamo por valor de 1.750.000 euros.
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo ao inicio do proceso de adxudicación, que se levará a cabo mediante procedemento aberto simplificado. Unha vez se publique o anuncio de licitación no perfil do contratante na Plataforma de Contratación do Sector Público, abrirase un prazo de 20 días naturais para a presentación de ofertas. O prezo de
licitación das actuacións ascende a 74.016 euros.

O ámbito de actuación comprende o vial vertebrador entre os núcleos de Eirexe e Cornado, así como o tramo perpendicular que conecta este vial co núcleo de A Cruz, á altura da N-525, pasando por diante do centro social da parroquia.
O proxecto contempla a rehabilitación superficial do firme mediante a execución dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente, así como a construción de cunetas triangulares transitables naqueles tramos onde a pendente ou o ancho da calzada o requiran, para garantir a circulación segura en ambos sentidos.
Para reforzar a seguridade viaria e a ordenación do tráfico, instalarase sinalización vertical e horizontal, con sinais de stop e pintado nas interseccións. Ademais, nos treitos onde se detecta presenza de raíces que afectan ao firme, demolerase o pavimento para proceder ao seu saneamento e evitar problemas estruturais no futuro.
Desde o Concello de Silleda faise un chamamento ás persoas propietarias de piñeiros situados nas marxes destes viarios para que procedan á súa corta, dando así cumprimento á normativa vixente e evitando un deterioro prematuro dos camiños. Así mesmo, pídese ás persoas propietarias de parcelas que non teñan executadas entradas aos seus terreos e que desexen realizalas, que contacten co Concello para poder executalas durante o transcurso das obras.
Tal e como se avanzou no seu día, os proxectos que se levarán a cabo en varias parroquias, iranse presentando e licitando, mantendo tamén xuntanzas ca veciñanza para recoller as súas aportacións. A día de hoxe estanse tamén a preparar os proxectos de mellora correspondentes ás parroquias de Rellas, Xestoso, Cira, Piñeiro, Ponte, Abades, Dornelas e Manduas, que se irán presentando nas vindeiras semanas. A actuación nos lugares de Toxa e Toiriz (da parroquia de Silleda) e Costela, en Margaride, o primeiro que se presentou, está xa en fase de licitación.
Publicidade
Por outra banda, o Concello de Silleda, a través do departamento de Xestión Urbana, inicia a vindeira semana os traballos de limpeza integral das rúas nos cascos urbanos. Esta actuación, que inclue o lavado de beirarrúas, comezará xa este luns na rúa de Alfonso Trabazo en Silleda. A fin de facilitar os traballos, xa foron colocadas neste tramo vallas e avisos indicando a prohibición de estacionar en todo este tramo dende a madrugada do luns.
Con esta actuación, abrirase o calendario de limpeza integral das rúas, unha actuación que comeza logo da incorporación de persoal ao equipo de Obras e Servizos a través do plan Máis Provincia da Deputación. Os traballos iránse extendendo nos próximos meses polos dous cascos urbanos, avisando á veciñanza previamente.
Comentarios