Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre o rueiro de Lalín
Antón Branco Vilariño/Lalín
Artigo de opinión
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre o rueiro deste municipio.

UNHA PRAZA AO R5
"Sempre que conto que me interesa a microtoponimia a xente pon unha cara que mestura asombro, vergoña allea e burla. A verdade é que resulta estrano que che digan: “Gústame a microtoponimia”. Coma se foras un personaxe pedante dunha novela de Vivian Gornick ou se estiveras escoitando unha playlist que intercalase a Bad Bunny con Bruno Lomas. Chista, pero bota cara atrás, atrae pero dun xeito estrafalario.
Son deses que repite que Galicia é un mapa e o mellor GPS, traído polo saber comunal, son os nomes das fincas, dos camiños e de cada recunho do monte. Así se ubicaba a xente antes. É bonito que ese coñecemento non se perda e que iniciativas como Galicia Nomeada continúen gardando todas esas coordenadas que chegaron a nós en formato fala.
O que xa non me parece tan ben é poñer enriba da mesa tantos nomes propios de certas persoas paradenominar rúas, prazas, momumentos, etc. Téñolle algo de rexeitamento a este método, e non por non convencerme, senón porque se lle soen adicar a figuras que foron escollidas por un grupo ben pequeno de veciños, normalmente quen goberna a localidade en cuestión ou quen voa arredor, xente que quere que perviva a súa visión do mundo.
Publicidade
Falouse hai semanas de valorar a posibilidade de que Manuel Fraga Iribarne se convirta, en Lalín, en nome de rúa. Que boa homenaxe despois de ter mandado aos grises a apalear á xente tantasveces neste tipo de vía, coma no 76, sendo Ministro de Gobernación, cando prohibiu as manifestacións do 1 de maio atribuíndose a si mesmo a propiedade da rúa. La calle es mía. Somos,en Lalín, ás veces, dados a unha memoria selectiva, que borra o pasado escuro de persoaxes aos que nos arrimamos no seu día e dos que limpamos, por conveniencia, todo iso que non nos convén traer ao debate. O pasado hai que coñecelo, nas súas luces e sombras, sen temor a que se repita por amosar o que pasou; menos libres somos se ocultamos unha parte da nosa historia, mais as homenaxes do que queremos ser deberiamosllas dar a quen non presenta tanta mácula no seu historial. É un feito case inaudito o que se fixo durante a Transición, un esforzo como sociedade por recuperar a convivencia, loitado nas rúas e nos despachos, pechando esa fenda de 40 anos de ditadura, recoñecer a representantes dese tempo síntese coma un golpe na entreperna.
Non nos enganemos tampouco, isto é unha brincadieira dun partido que ten maioría absoluta no pleno, non necesita publicar cada cousa que fai, pero si lle interesa dividir cada certo tempo porque a cabra tira ao monte. Perfectamente o poderían ter levado a pleno, aprobalo en silencio, coma outras veces, e a outra cousa. Esperemos tamén que, de facerse, se aplique a Lei de Memoria Histórica.
Publicidade
Ao final por unha ou por outra lieime na tontería esta e non abordei o que quería abordar. Xa falei algunha outra vez da importancia, para min, de recordar a aqueles persoaxes do común que fan pobo, non tanto polo extraordinario, senón polo devir diario, esas pequenas cousas que conforman o imaxinario popular. Pois ben, quería engadir o inanimado, o obxecto como forma de memoria colectiva. Quizais, por que non, teña sentido adicarlle unha praza ao R5 ou á C15, incluso á Sarrasqueta. A quen non lle amargaría ir tomar un viño á rúa do Cesto ou á ir remendar uns pantalóns á calella do Pipo. Hoxe póñome populista para desbotar a hexemonía do nome propio alleo que non lle importa a case ninguén nesta vila. Se hai algunha reclamación estarei tomando un café no bar que hai na praza do Perquis".
Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
Comentarios