Estará marcado pola súa orixinal temática de personaxes de películas e series, onde non pasará desapercibido o concurso de disfraces coa súa pasarela da fama
Laura Moure/Silleda
Asociación Cultural Amigos da Empanada da Bandeira (Silleda) organizará o VI Entroido de Verán o mércores 21 de agosto a partir das 22:00 horas. Esta edición estará marcada pola súa orixinal temática de personaxes de películas e series, onde non pasará desapercibido o concurso de disfraces coa súa pasarela da fama.
O vindeiro mércores 21 de agosto, coincidindo co primeiro día da Festa da Empanada da Bandeira, a asociación sen ánimo de lucro Amigos da Empanada celebrará a VI edición do Entroido de Verán, unha divertida festa onde todos os veciños e veciñas sacarán a relucir os seus mellores disfraces.
Publicidade
Este evento terá lugar a partir das 22:00 horas, tras completar a ruta da empanadilla polos bares da vila. Esta ruta será amenizada pola charanga Os Imperiais e Os Sin Son Gaiteiros e contará cun concurso de empanadillas entre os bares, decidindo así cal é o sabor favorito do público a través da votación mediante códigos QR.
Noutras edicións, o Entroido de verán tomou diferentes rumbos; na IV edición a temática era hippie e na V edición temática oitenteira. Este ano, a temática será sobre películas e series, para que a veciñanza que o desexe poida ter unha ampla gama de disfraces que escoller, aínda que non é obrigatorio seguir esta recomendación. Así, quen queira pode vir disfrazado de forma individual, en parellas ou por grupos, coincidindo coas categorías do famoso concurso de disfraces.
Publicidade
O concurso irá da man cunha pasarela de disfraces, para que os aspirantes a gañar o primeiro premio presuman de “look”. Un xurado imparcial decidirá quen leva os premios aos mellores disfraces, así como ao máis orixinal.
Unha vez finalizado o concurso, a festa continuará da man de DJ Cid e DJ Xavi Villar, que amenizarán a noite como antesala á gran cita gastronómica.
Comments